Galiza ten medio millón de hectáreas de superficie agraria infrautilizadas

A cifra de terra cultivábel podería aumentar até nun 16%. (Foto: M. Arrazola)
A Galiza ten 512.000 hectáreas de zonas abandonadas e que son potencialmente aptas para o recultivo. Unha potencialidade por explotar e que implicaría a creación de miles de empregos, segundo un estudo de investigadores das universidades de Santiago de Compostela e de Vigo.

413,3 millóns de euros anuais máis para o sector agrícola e a creación de ao redor de 10.000 postos de traballo polos efectos multiplicadores. Estas serían algunhas das consecuencias da posta en valor na Galiza das aproximadamente 512.000 hectáreas de superficie abandonada e que son aptas para o seu recultivo.

Así se estabelece nunha investigación publicada por varios investigadores das universidades de Vigo e Compostela, Putting land to work: An evaluation of the economic effects of recultivating abandoned farmland. O traballo parte dun estudo en sistemas de información xeográfica para mostrar a superficie de terreo apto para o recultivo no territorio galego, que calculan que podería aumentar “polo menos 16% as terras de cultivo actuais”.

En total, os investigadores identificaron 512.308 hectáreas de zonas abandonadas potencialmente aptas para o recultivo. A maior parte desa superficie (78%) encádrase en clases aptas para pastos pero non para colleitas.

En comparación coa superficie agraria cultivada (estimada nunhas 672.291 hectáreas), o recultivo total dos terreos abandonados suporía un incremento en torno ao 76%, mentres que o recultivo só das terras abandonadas aptas para colleitas suporía un incremento da superficie agraria en torno ao 16%. Os investigadores calculan que a produción total xerada polo recultivo deses terreos abandonados ascendería a 413,3 millóns de euros anuais.

Emprego

Tamén cuantificaron o emprego total que se crearía na economía galega como consecuencia do incremento da produción en distintos sectores. Obtiveron un impacto medio no emprego duns 10.000 novos postos de traballo. “Estas cifras supoñen máis de 1% do emprego total autonómico (concretamente un 1,2%)”, destacan.

En dez anos perderase 35% da superficie de cultivo

En dez anos Galiza perderá un terzo da súa superficie de cultivo. Esta é a advertencia que se fixo desde o Centro Común de Investigación da UE, servizo interno científico da Comisión Europea: en 2030, os terreos agrícolas do noso país serán 35,5% menos que agora. Os científicos da Comisión sinalan Galiza como o territorio do Estado que máis vai sufrir esta perda de superficie de cultivo. Fai un desglose por provincias e sitúa tres (Lugo, A Coruña e Ourense) como as 3 primeiras do Estado español en perder terreos agrícolas.

Pontevedra figura en quinta posición.  Así, e segundo o informe elaborado polo Centro Común de Investigación, nunha década Lugo terá 44%% menos de superficie agraria, A Coruña perderá 42% e Ourense 30%. Pontevedra, case 26%. Entre 2007 e 2017 Galiza perdeu 17% das súas hectáreas agrarias.

De 748.000 pasamos 621.000, segundo datos do INE. Unha perda que engadir á sufrida en anos anteriores. De 1985 a 2005, a superficie agraria útil (SAU) do noso país perdeu perto de 150.000 hectáreas. A UE, ademais, marcou como obxectivo que 25% da superficie agraria útil fose de produción ecolóxica.