Galiza ten aínda tres lumes activos, cun novo incendio en Avión e máis de 90.000 hectáreas queimadas no que vai de agosto
Medio Rural dá por controlado o incendio do concello de Riós. que afecta a 100 hectáreas.
A comarca do Ribeiro rexistrou un novo incendio forestal, concretamente no municipio de Avión, na parroquia de Nieva. Actualmente, con este último foco son tres os incendios que permanecen activos na Galiza.
Segundo os últimos datos facilitados pola Consellería do Medio Rural, o lume de Avión comezou sobre as 17.09 horas deste domingo e afecta xa 70 hectáreas.
Nesta vaga de incendios que afecta o país desde hai máis de dúas semanas, permanecen tamén activos os lumes de Chandrexa de Queixa (Terra de Trives) e Vilariño de Conso (comarca de Viana), que afecta 19.000 hectáreas e ten unha evolución favorábel, e o Carballeda de Valdeorras, parroquia de Casaio, que aumenta o territorio afectado a 4.400 hectáreas.
Estabilizados
Así mesmo, permanecen estabilizados os lumes de Larouco (Valdeorras), parroquia de Seadur (30.000 hectáreas calcinadas en territorio galego); o de Oímbra (comarca de Verín) e Xinzo de Limia, nas parroquias da Granxa e Gudín (17.000 hectáreas); o da Mezquita, parroquia da Esculqueira (10.000 hectáreas); en Carballeda de Avia e Beade, no Ribeiro (4.000 hectáreas); en Vilardevós (comarca de Verín), parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas); e o de Vilaboa (comarca de Pontevedra), parroquia de Cobres (70 hectáreas).
Controlados
Na tarde deste domingo, sobre as 15.56 horas, quedou controlado o incendio forestal que afecta o concello de Riós (comarca de Verín), na parroquia de Fumaces e a Rube, que calcina 100 hectáreas.
Tamén están controlados os de Maceda (Allariz-Maceda), nas parroquias de Santiso e Castro de Escuadro (3.500 hectáreas); o de Vilardevós, parroquia de Moialde (600 hectáreas; o de Montederramo (Terra de Caldelas), parroquia de Paredes (120 hectáreas); o de Riós, parroquia de Trasestrada (40 hectáreas); e o de Carballedo (comarca de Chantada), parroquia da Cova (100 hectáreas).
Até 155.000 hectáreas queimadas
O total de hectáreas queimadas, segundo os datos facilitados pola Consellaría do Medio Rural, supera as 90.000 hectáreas. Con todo, hai estimacións que veñen de fontes externas como o sistema europeo Copernicus (EFFIS), que indican cifras moito maiores, chegando ás 155.000 hectáreas.

