O incendio de Casaio alcanza as 4.000 hectáreas e segue activo canda o de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso
Medio Rural da por extinguido o lume de Oia (Baixo Miño) e por controlado o de Carballedo (comarca de Chantada).
A situación dos incendios que arrasan Galiza mellora, segundo os datos actualizados pola Consellaría do Medio Rural, que fala dunha "evolución favorábel". A maior preocupación segue centrada nas comarcas de Terra de Trives e Valdeorras, onde permanecen activos dous dos grandes incendios que arrasan 23.000 hectáreas calcinadas. Ademais, nas últimas horas o lume de Oia (Baixo Miño) quedou extinguido e o de Carballedo (Comarca de Chantada) xa está controlado desde as 11.30 horas deste domingo.
Así, segundo os datos ofrecidos polo Goberno galego a primeira hora deste domingo, tendo en conta os lumes que continúan sen apagar –activos e estabilizados– a superficie queimada alcanza as 85.190 hectáreas. Permanecen activos dous incendios, os de Chandrexa de Queixa e Vilariño, que afecta 19.000 hectáreas, só co foco de Vilariño activo; e o de Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, que alcanza as 4.000 hectáreas.
O último en quedar estabilizado, sobre as 23.22 horas deste sábado, foi o do concello de Carballedo, parroquia da Cova, que afectou 100 hectáreas e que na mañá deste domingo pasou a estar baixo control. Tamén permanecen estabilizados os incendios de Larouco, parroquia de Seadur, (30.000 hectáreas en territorio galego); Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 hectáreas); A Mezquita, parroquia da Esculqueira (10.000 ha); Carballeda de Avia e Beade (4.000 héctareas); Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas); Riós, parroquia de Fumaces e a Rube (100 hectáreas); Riós, parroquia de Trasestrada (20 hectáreas); e Vilaboa, parroquia Santa Cristina de Cobres (70 hectáreas).
Controlados e extinguidos
Pola súa parte, están controlados os lumes de Maceda que afectaron a 3.500 hectáreas; o de Vilardevós, parroquia de Moialde (600 hectáreas), e o de Montederramo, parroquia de Paredes (120 hectáreas).
En canto ao incendio que afectaba o concello de Oia, parroquia de Mougás, quedou extinguido ás 21.21 horas deste sábado e calcinou 61,17 hectáreas, delas 42,75 corresponden a monte raso e os 18,42 restantes a arboredo.
