Galiza suma outras sete vítimas da Covid-19 e supera os 2.700 falecementos

A variante ómicrom está a preocupar á OMS. (Foto: Andrew M. Chang / Zuma Press / Contactophoto)
As autoridades sanitarias confirmaron na tarde desta segunda feira que os casos de coronavirus da variante ómicrom xa chegan a nove. Neste contexto, o comité clínico analiza opcións para frear unha alza dos contaxios polo Nadal.

A Covid-19 vén de causar outras sete mortes no conxunto da poboación galega polo que desde o comezo da pandemia xa houbo 1.706 vítimas. As últimas foron comunicadas na noite desta segunda feira, se ben decorreron nos últimos días.

As autoridades sanitarias informaron de que na pasada sexta feira, 10 de decembro, finaron tres homes que eran atendidos no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi). Tiñan 64, 75 e 87 anos.

Un día despois producíase o deceso dun varón de 75 anos que era atendido no mesmo centro hospitalario. Tamén perdeu a vida unha usuaria de 85 anos da Residencia Hermanos Prieto do Carballiño que fora trasladada ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Neste último, os equipos sanitarios certificaron outro óbito, neste caso dun home de 72 anos, o domingo.

Nesta segunda feira notificouse que non puido superar a enfermidade unha doente de 87 anos que permanecía ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

Segundo a Consellaría de Sanidade, todas as persoas que morreron presentaban patoloxías previas. A mesma informou de que a estas alturas, están contabilizados nove casos de coronavirus, da variante ómicrom, en todo o país.

Nas áreas da Coruña e Vigo

Esta segunda feira, Sanidade sumaba dous casos máis na área sanitaria da Coruña-Cee, até chegar aos seis.

Aliás, na demarcación de Vigo fican contaxiadas con esta cepa outras tres persoas. En calquera caso, a priori ningunha das nove pacientes precisou o ingreso hospitalario.

Neste contexto, o Comité Clínico asesor da Xunta estuda distintas posibilidades para evitar máis contaxios, dunha ou outra variante, polo Nadal.