Galiza suma 190 novos positivos e eleva o número de falecidos até 640

Test de coronavirus Covid-19 (Europa Press)
Galiza conta con 3.484 casos activos, 190 máis nas últimas 24 horas, e suma dous novos falecementos, segundo os datos da Consellaría de Sanidade.

O número de positivos na Galiza segue a medrar. Segundo os datos facilitados este domingo pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade os casos activos ascenden a 3.484, o que supón 190 máis que os rexistrados este sábado. Ademais, dous novos falecementos, un vinculado á residencia do Incio e outor dun home de 74 anos ingresado no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), ambos con patoloxías previas, elevan a cifra de mortos pola pandemia até os 640.

Respecto dos casos activos, a última actualización sitúa a 1.382 na área da Coruña (seis máis), 675 na de Lugo (cun aumento de 69 casos), 324 na de Ourense (24 máis), 218 na de Pontevedra (13 máis), 214 na área de Vigo (5 máis), 540 da de Santiago (cun significativo incremento de 67 casos), e 131 na de Ferrol (catro máis que este sábado).

No que atinxe ás residencias de maiores, aumentou tanto o número de persoas usuarias contaxiadas (38 máis, até as 139) como o de profesionais, que pasou de 47 a 51.

Do total de pacientes positivos, 17 están en UCI (2 máis ca onte), 119 en unidades de hospitalización (7 máis) e 3.348 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.556 persoas curadas, 118 máis con respecto da xornada de onte. O número de PCR realizadas ascende a 331.803.

Segundo destaca nun comunicado, a Consellaría de Sanidade continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.