Galiza é o segundo territorio do Estado con maior número de prazas MIR vacantes en Atención Primaria

A falla de profesionais provoca as listas de agarda en Atención Primaria (Foto: Europa Press).
Esta quinta feira tivo lugar a quenda extraordinaria realizada polo Ministerio de Sanidade para a cobertura de prazas vacantes en medicina de familia.

Un total de 33 prazas MIR en medicina familiar ofertadas no Servizo Galego de Saúde (Sergas) quedaron vacantes ao cubrirse 174 das 207. Isto sitúa Galiza só por detrás de Castela e León, como o territorio con máis postos descubertos nesta especialidade.

Esta quinta feira tivo lugar a quenda extraordinaria realizada polo Ministerio de Sanidade para a cobertura de prazas vacantes en medicina de familia.

Finalmente, 33 prazas quedaron baleiras na Galiza, só superada polas 40 de Castela e Léon.

A Xunta "lamenta enormemente" que "volvan" producirse vacantes "nun momento no que existe un evidente déficit de profesionais nesta especialidade", polo que volveu dirixirse ao Ministerio para reclamar cambios no sistema de eleccións, que considera "un problema" porque "autolimita" a capacidade dos residentes ao ter que "preelixir todas as prazas".

Sanidade avoga por volver ao sistema de elección presencial ou que, no caso de que non sexa así, o proceso telemático se realice "coa máxima transparencia, garantindo o coñecemento en tempo real das prazas dispoñíbeis en cada momento por parte dos aspirantes".

Tamén lembra que "se insistiu en repetidas ocasións" ao ministerio "que non debera existir nota de corte no exame MIR, que este ano impediu elixir praza a 15% do total de admitidos, preto de 1.900".

“O Goberno español non cumpre”

"O Goberno español continúa sen cumprir os acordos unánimes que o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde adoptou hai xa seis anos, en maio de 2018, para abordar o problema de déficit de especialistas en medicina de familia ou pediatría de Atención Primaria, como a revisión dos criterios de acreditación das unidades docentes ou a flexibilización da normativa reguladora destes sistemas de acreditación para permitir crear máis prazas en todo o territorio", engadiu a Xunta.

Esta mesma semana, a CIG-Saúde exixiu a adopción de medidas urxentes para "mellorar as condicións de traballo" das e dos profesionais de Atención Primaria.

A central sindical cre que "só así" poderá ser atractiva esta especialidade e conseguir, deste modo, "rachar coa actual dinámica de falta de profesionais". "Definir os cadros de persoal reais nos centros de saúde que poidan responder, con calidade, ás demandas da cidadanía, limitar as cargas de traballo, dignificar a docencia, reforzar as estruturas de xestión ou apostar por unha Atención Primaria vertebradora do territorio", son algunhas das propostas de CIG-Saúde.