Galiza rexistrou un total de 7.368 defuncións no terceiro trimestre de 2023, que contrastan cos escasos 3.579 nacementos que tiveron lugar nese mesmo período, entre xullo, agosto e setembro do pasado ano, o que deixa un saldo vexetativo negativo de 3.789 persoas, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística esta sexta feira.
Cabe lembrar que o Instituto Nacional de Estatística xa publicara hai un mes os datos estimativos de nacementos na Galiza a feche de 2023, cun total dun total de 14.103 no global, o que supón 392 menos que en 2022 (-2,7%), o peor dato no país desde que existen rexistros. Informaba de 32.714 falecementos ao longo do ano, para un saldo vexetativo negativo de 18.611 persoas nese exercicio.
Esta sexta feira, o IGE informa aínda do avance do terceiro trimestre de 2023, no que os nacementos descenderon un 7,5% en comparación co mesmo período de 2022. Con todo, as defuncións reducíronse tamén, por volta de 14,6%, no mesmo espazo temporal.
No tocante aos matrimonios, houbo 3.602 na Galiza durante o verán de 2023, é dicir, un 5,6% menos que no período estival de 2022. Do total, 3.528 foron ligazóns entre parellas de diferente sexo e 74, do mesmo sexo.