A Galiza rexistra 42 novas vivendas turísticas cada día

A evolución das VUT na Galiza: en apenas 14 meses rexistráronse 9.700 vivendas turísticas (Imaxe: Nós Diario)

A Galiza ten rexistradas un total de 26.791 vivendas de uso turístico, cifra que desde o pasado mes de decembro aumentou en máis de 5.000 inmóbeis, un 23% de incremento.

A ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, avogaba a pasada semana por limitar os aloxamentos turísticos nas zonas tensionadas, respectando as competencias autonómicas, e anunciaba que, xunto ao ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, quere reunirse coas comunidades para tratar este tema. Os datos mostran que a situación das vivendas de uso turístico na Galiza continúan nunha escalada que parece non ter fin. As cifras do  rexistro da Xunta da Galiza indican que só entre decembro de 2023 e marzo de 2024 rexistráronse 5.089 novos pisos turísticos. Unha media de 42 novas vivendas para uso turístico cada día, un incremento nese trimestre de 23%.

Núcleos de poboación

De feito, a Galiza é, tras as comunidades mediterráneas e Madrid, a autonomía con maior número destes inmóbeis. De manterse a actual tendencia de incremento, cando chegue o verán, na Galiza vai haber máis pisos turísticos que todos os núcleos de poboación do territorio galego: 30.246, a metade dos que existen no conxunto do Estado. 

En outubro de 2019 había na Galiza 5.400 vivendas de uso turístico (VUT). Facíase daquela un ano da entrada en vigor do decreto que regulaba este tipo de vivendas no país e existía xa un debate sobre o impacto deste tipo de inmóbeis e sobre a necesidade dunha maior regulación.

Tres anos e medio despois, 2022, os pisos turísticos rexistrados superaban os 17.900 mentres que aqueles que se destinaban ao aluguer convencional eran 3.000, segundo as cifras da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein). Por cada piso para aluguer, seis vivendas de uso turístico. E a porcentaxe continuou a empeorar, pois a oferta para aluguer convencional ou residencial mantense e o número de VUT aumentou en varios miles.

Este escenario levou a que desde diferentes entidades se dese a voz de alarma. Un exemplo é o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galiza da USC (Idega), que nunha recente publicación mostraba a súa preocupación pola "proliferación" de vivendas de uso turístico, que "supón un importante desafío en moitas cidades galegas" e que deberían ser obxecto dunha maior regulación.

"A proliferación de VUT sen regular implica un incremento das externalidades negativas do turismo (ruídos, expulsión de poboación residente local, turistificación, banalización etc.) e a longo prazo pode supor a destrución do tecido social local que sustenta a vida urbana", advirte.

Ao tempo, o prezo da vivenda na Galiza continúa a moverse en parámetros de máximos. Mentres ao longo do ano 2023 a media do que se pagou por un piso ou casa nos Estados da Unión Europea aumentou en 0,2%, na Galiza ese incremento foi de 3,4%, unha porcentaxe sensibelmente superior. Os ao redor de 3.800 inmóbeis do parque público de vivenda para aluguer social na Galiza só supoñen 0,33% das vivendas principais, tres veces menos que a media estatal de 0,96% e 30 veces menos que no conxunto da UE: 9,3.