Galiza rexistra 254 positivos, 86 deles na área de Ourense, 51 na da Coruña e 41 na de Santiago

Mapa Covid do Sergas (Foto: Xunta)

Os pacientes ingresados en hospitais aumentan a 259, deles 41 na UCI.

Galiza rexistrou outros 254 positivos por Covid-19 confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 86 na área sanitaria de Ourense e 41 en Santiago e outros 51 na Coruña.

Segundo os datos actualizados na web da Consellería de Sanidade actualizados na mañá esta cuarta feira con datos recollidos até as 18,00 horas de onte, o resto de áreas sanitarias contabilizaron nas últimas 24 horas 26 positivos máis en Vigo; 21 na de Pontevedra e O Salnés; 16 en Ferrol e 13 na de Lugo.

En canto aos casos activos, ascenderon con respecto ao martes a 4.601, o que supón 91 máis na Galiza e os pacientes curados incrementáronse a 22.277, que implican 154 máis.

Por áreas sanitarias, a de Ourense conta con 1.605 casos activos (+42 con respecto a onte); a da Coruña ten 765 (+20); Santiago, 628 (+4); Vigo, 512 (+16); Pontevedra, 469 (sen cambios); Lugo, 475 -dous menos-; e Ferrol, 147 -11 máis-.

Até a data faleceron 797 persoas, das que as últimas 11 vítimas foron notificadas esta terza feira.

Ademais das mortes de catro persoas relacionadas con residencias de maiores da provincia de Ourense das que a Xunta informou na mañá de onte, ao longo da xornada notificáronse outro sete falecementos -tres tamén relacionados con residencias- de persoas que foran diagnosticadas con coronavirus.

Os pacientes con Covid ingresados na Galiza aumentaron a 259, o que supón nove máis que os deste martes, deles 41 en Unidade de Coidados Intensivos (UCI) -un máis que hai 24 horas-.

Narón

A Consellería de Sanidade incluíu o municipio de Narón no nivel máximo de alerta, o 3 -vermello-, pola situación da pandemia de coronavirus no últimos sete días, que tamén segue vixente noutros 10 concellos. Pola contra, rebaixouse a situación de Tomiño, que este martes estaba en vermello, a laranxa -nivel 2-.