Galiza suma 11 novas vítimas mortais da Covid-19 nunha soa xornada

A cidade de Ourense segue coa mobilidade restrinxida polos contaxios. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
É a cifra de mortes nun día máis elevada dos últimos cinco meses. As autoridades sanitarias aclaran que todas as persoas finadas padecían patoloxías previas que implicaban un maior risco para a súa saúde. O país está cada vez máis preto dos 800 pasamentos por esta doenza.

A Consellaría de Sanidade comunicou esta tarde o falecemento de 11 persoas nas últimas horas por mor do coronavirus. Este número de pasamentos é o máis alto desde o 26 de abril, cando as autoridades da Galiza notificaron 15 decesos.

En realidade, ao longo da xornada houbo que lamentar sete falecementos, pois os outros catro xa foran notificados pola Dirección Xeral de Saúde Pública no seu parte diario da mañá.

As primeiras catro vítimas comunicadas estaban vinculadas a residencias de maiores de distintas vilas do interior.

Segundo foron pasando as horas desta terza feira, tívose coñecemento de que outras tres persoas usuarias de xeriátricos non foron quen de superar a enfermidade.

Trátase de dous homes de 76 e 88 anos que estaban ingresados no Hospital de Verín. O máis novo vivía no centro Val, situado no concello de Monterrei, que foi dos últimos nos que se detectaron grandes gromos xunto co de Pereiro de Aguiar.

De feito, perdeu a vida un usuario desta última instalación. Era un varón de 96 anos que ficaba no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU). O equipo sanitario deste centro tamén tivo que notificar o falecemento doutro home de 70 anos.

A última hora desta tarde sabíase doutro pasamento na residencia de Val, un residente de 89 anos morreu nas propias instalacións.

Ao longo do día tamén entraron no cómputo de vítimas da pandemia dous varóns: un de 82 anos estaba sendo atendido como Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e outro, de 62 anos, permanecía baixo a supervisión médica no hospital de Pontevedra (CHOP).

Todos os doentes padecían patoloxías previas que complicaron a súa saúde. O número total de galegas e galegos finados pola Covid-19 xa está nas 793 persoas.