O Carballiño, O Irixo e Boborás piden responsabilidade á súa veciñanza para “frear o ascenso” dos contaxios

Reunión na subdelegación do Goberno do Estado español en Ourense. (Foto: Europa Press)

O alcalde do Carballiño recoñece que era previsíbel que se limitada a mobilidade no municipio e considera que a decisión da Consellaría de Sanidade é “lóxica”. A Garda Civil e a Policía Local controlarán os movementos nos tres termos municipais a partir de que entre en vigor a restrición da Xunta.

Sucédense as reunións entre distintas autoridades para estabelecer os controis ás restricións de mobilidade impostas desde a Xunta en O Carballiño, Boborás e O Irixo. Hoxe mesmo, despois de un deses encontros de traballo, representantes dos tres municipios instaron á poboación a ser responsábel para “frear o ascenso” dos casos de coronavirus.  

O alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, non se amosou estrañado pola situación senón todo o contrario. Opina que a decisión anunciada onte era precisa e “lóxica” porque hai 163 positivos nunha localidade de 14.000 habitantes. Desde o seu punto de vista é unha taxa elevada sobre 100.000.

“Se non se pode eliminar o virus, polo menos hai que facer descender a curva”, de contaxios, asumiu. A súa esperanza é que o feche, que será efectivo desde a medianoite desta quinta feira, non se prolongue demasiado tempo. Fumega recordou que na Mariña os controis permitiron mellorar a situación.

Vínculos co Carballiño

Representantes de Boborás e O Irixo coincidiron es respectar a decisión da Consellaría de Sanidade. No primeiro dos concellos pensan que as limitacións de mobilidade son “imprescindíbeis para non empeorar”.

A rexedora, Patricia Torres, entende que 18 casos nun municipio pequeno son moitos. Pensa que teñen algo que ver coa estreita relación que une á veciñanza co Carballiño. O seu homólogo no Irixo, opina que a situación sería distinta se “houbera unha maior distancia co Carballiño”.

Nos tres casos a Garda Civil e a Policía Local farán controis nas entradas e saídas para garantir que só se produzan movementos debidamente xustificados. Realizaránse de maneira conxunta nos tres termos municipais, dado que só O Carballiño ten axentes municipais.

En xeral, menores de 50 anos

Respecto do perfil de persoas infectadas, Fumega comentou que a media de idade non chega aos 50 anos, o que “dentro do malo é positivo” porque o risco para a saúde é menor. Malia afirmar que o maior número de casos apareceron por un vínculo social, non pensa en obrigar ao feche da hostalaría.

Mesmo di que “moitos xa tiveron que fechar porque supoñía máis gasto que beneficio” e que todo o empresariado deste sector que está aberto respectou todas as normas.

O perfil das e dos doentes no Irixo é máis amplo, din no Consistorio, onde lamentan que as autoridades sanitarias non repararan en que parte dos pacientes nin residen nin fan vida alí. “Só teñen tarxetas sanitarias que pertencen ao centro de saúde do municipio, polo que os contabilizaron igualmente”, subliñan.