Galiza rexistra 1.221 novos contaxios en 24 horas

Campaña de cribados na xente moza en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press) #vacinación #comitéclínico #restricións #coronavirus #covid19 #contaxios #sanidade #xunta #pandemia

A sexta onda da pandemia da Covid-19 segue batendo marcas de contaxios diarios na Galiza, onde se alcanzaron os 13.835 casos activos da enfermidade, despois de detectarse 1.221 novos contaxios nas últimas horas.

O novo balance feito público esta quinta feira polo Sergas reflicte un novo aumento de contaxios nas últimas 24 horas. Os datos trasladados sinalan que se chegaron aos 13.835 casos activos da enfermidade, despois de detectarse 1.221 novos contaxios.

Por áreas, os contaxios novos aumentaron en todas (coa excepción de  Vigo) igual que os casos activos, excepto nas áreas de Ourense e Pontevedra, onde o número de enfermos actuais descendeu con respecto ao día anterior.

Porén, a área sanitaria de Vigo segue á cabeza, e esta quinta feira notificáronse 354 contaxios novos e 4.478 casos activos (159 máis). Aínda así, nas últimas horas confirmáronse menos contaxios que na xornada anterior, na que se diagnosticaron máis de 400 infeccións.

Na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, detectáronse 185 casos novos e hai 2.755 enfermos de Covid (28 menos); na área de Pontevedra-O Salnés, os novos contaxios confirmados son 171 e os casos activos baixaron a 2.105 (11 menos); na área da Coruña-Cee, detectáronse outros 187 contaxios e hai 1.986 casos activos (100 máis); na área de Santiago-A Barbanza, detectáronse 179 novos contaxios e alcanzáronse os 1.123 casos activos (127 máis); na área de Lugo, A Mariña e Monforte, hai 99 contaxiados máis e 866 casos activos (32 máis); mentres que na área de Ferrol, detectáronse 46 novos contaxios e os casos activos son 522 (25 máis).

En relación á Incidencia Acumulada a 14 días, notificada polo Ministerio de Sanidade, a Galiza sitúase en 471,65 casos por 100.000 habitantes (con datos actualizados a 15 de decembro), mentres que a media estatal española é de 441,69.

Baixan os pacientes en UCI

En relación á presión hospitalaria, o número total de pacientes na UCI na Galiza descendeu en 4, até situarse en 49 persoas; mentres que hai 227 doentes de Covid en unidades convencionais de hospitalización, 9 máis.

Por áreas, Vigo ten o maior número de enfermos graves, con 23 pacientes en unidades de críticos (3 menos) e 75 en 'planta' (6 máis); na área de Pontevedra hai 8 pacientes en UCI (un máis) e 35 en 'planta' (un menos); e na área da Coruña seguen 5 pacientes en UCI (sen cambios) e 26 en camas convencionais (3 máis).

Na de Ourense, os pacientes graves son 5 (un máis) e mantéñense sen cambios 56 enfermos en 'planta'; na área sanitaria de Santiago hai 3 pacientes en UCI (2 menos) e 17 en 'planta' (3 máis); na área de Lugo hai 3 pacientes en críticos (un menos) e seguen 12 en 'planta'; e na área de Ferrol hai 2 pacientes en UCI (sen cambios) e 6 en camas convencionais (2 menos).

O índice de positividade chega ao 11,8%

O número de probas que dan resultado positivo por cada centenar que se realiza, denominado índice de positividade das probas PCR, situouse nas últimas horas no 11,8 %, por enriba do limiar do 5 % que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como límite para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio desta pandemia, rexistráronse na Galiza 204.556 contaxios e 188.049 persoas superaron a enfermidade. Delas, 717 recibiron a alta epidemiolóxica nas últimas horas. Por contra, faleceron con Covid 2.710 persoas.