Galiza recupera o "Nuclear, non grazas"

Central de enerxía nuclear. (Foto: Arquivo)
O recoñecemento como "verde" pola CE reabre o debate, tamén aquí.

"É un disparate total, non se pode entender que andemos outra vez a voltas co tema". O "tema" é a enerxía nuclear e quen se pronuncia a Nós Diario de forma tan rotunda a respecto da proposta da Comisión Europea de recoñecela como "verde" no mínimo até 2045 é Ramón Varela Díaz, catedrático en Bioloxía e Xeoloxía e veterano na loita ambientalista na Galiza, desde os tempos contra a proposta de construír en Xove unha central nuclear.

Non todos na Galiza teñen un posicionamento tan concluínte como Varela. Miguel Bastos, profesor de Ciencias Políticas da USC e doutor en Ciencias Económicas pon sobre a mesa en conversa con este medio pros e contras. "É unha enerxía moi barata, unha vez feitas as instalacións, claro; é moi modulábel, quero dicir, que pode producir á carta; cousa que as outras non".

En contra? "Ten moitos riscos. De feito, ningunha aseguradora quere asegurar centrais nucleares", un dato que a el lle parece máis que clarificador.

Paso positivo

Hai voces, tanto no mundo científico como mesmo no ambientalista, que si ven ben o paso dado pola Comisión Europea e aplauden que se teña en contra a nuclear como "enerxía de transición" dentro da guerra conta o quentamento global. 

"Un remedio temporal para substituír as enerxías fósiles até que as renovábeis se implanten definitivamente", en palabras de Enerxía para a Humanidade. Emite pouco CO2 en comparación con outras, sosteñen, e nestas décadas avanzouse moito en seguridade.

"Van polos cartos"

Fins Eirexas, da área de Enerxía da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), pide "centrar o debate". E para iso, sinala a Nós Diario, cómpre se facer unha pregunta: "Por que a Comisión Europea fai esta proposta agora?".

 "Hai interese económico por parte de Francia e o lobby nuclear de pillar parte do pastel que son os fondos Next Generation e que contemplaban moitos millóns para a enerxía eólica, a solar... na loita pola descarbonización e eles ficaban fóra".

Para el, a resposta apunta a motivacións económicas: "Hai interese económico por parte de Francia e o lobby nuclear de pillar parte do pastel que son os fondos Next Generation e que contemplaban moitos millóns para a enerxía eólica, a solar... na loita pola descarbonización e eles ficaban fóra".

A isto, Eirexas engade que a proposta é "un globo sonda" para ver como reacciona a sociedade europea e tamén o movemento ambientalista. "Unha parte do ecoloxismo asúmea na teoría do mal menor na loita contra o cambio climático". Mais, apunta, a nuclear non pode ser considerada "mal menor".

Ramón Varela enumera toda unha lista de riscos e ameazas que van da man con esta enerxía, desde a dos refugallos nucleares até os accidentes nas centrais "que os houbo e hainos, e non hai tanto tempo". 

Eirexas, a maiores, engade uranio como elemento escaso e esgotábel e incide en que tamén xera CO2: "que non o emite non pode facer esquecer que durante o ciclo ligado a esta enerxía si se xera".

Intereses

O considerar "verde" a nuclear e o gas tamén se está a interpretar como unha mostra do poder dos dous Estados que "cortan o bacallau" na Unión Europea: O gas por Alemaña, que aposta por esta enerxía; e a nuclear, por Francia, cun Emmanuel Macron anunciando 1.000 millóns de euros até 2030 para desenvolver pequenos reactores nucleares que se sumarían ao medio cento de reactores activos que hai no país e que xeran 70% da electricidade.

Xove e os 223.000 bidóns botados na Foxa Atlántica

"Aquí o debate sobre a nuclear formulouse hai 40 anos e xa se fechou daquela", di Ramón Varela. Refírese á loita popular contra a construción dunha central nuclear en Xove ou á mobilización social contra o vertido de lixo nuclear  nunha zona do Atlántico, nalgúns puntos a escasos 200 km da costa galega. Entre 1949 e 1982 oito Estados europeos botaron 115.000 toneladas de refugallos aí. Feitos que marcaron unha xeración e que aínda seguen presentes no argumentario actual.