Galiza precisa 8.000 enfermeiras máis para garantir a continuidade asistencial

Esta cuarta feira, 12 de maio, conmemórase o Día Internacional da Enfermaría. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
A enfermaría conmemora este 12 de maio o seu día mundial. Faino, aínda, baixo o amparo do movemento global Nursing Now, unha campaña deseñada polo Consello Internacional de Enfermeiras en colaboración coa Organización Mundial da Saúde para elevar a súa posición e convertelas en axentes de cambio na promoción da saúde e o tratamento da enfermidade.

Despois de tres anos, a finais de maio chega á súa fin o programa internacional Nursing Now, dedicado a sinalar o papel crucial da enfermaría na promoción da saúde e no desenvolvemento de novos modelos de coidados comunitarios para a prevención de doenzas. Segundo as súas estimacións, só Galiza precisa 8.000 enfermeiras máis para garantir unha atención de calidade a toda a poboación ademais dunha continuidade asistencial imposíbel baixo as circunstancias de precariedade actuais que atravesa este grupo profesional.

"Nós sempre falamos de precariedade", destaca Nuria González, enfermeira do Servizo Galego de Saúde e parte do colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita, que esta semana completa unha serie de cinco xornadas en liña, a través das súas redes sociais, "para debater sobre eventualidade na Galiza", mais tamén para crear e explicar a necesidade de loita e de non nos conformar con todo".

Eventualidade

"A eventualidade ten que existir, pero non nos niveis de precariedade actual", matiza Nuria González, quen apunta a intención do Goberno estatal, trasladada a Europa, de obrigar os Gobernos autonómicos a reducir a temporalidade, mellorar as condicións laborais e o desenvolvemento profesional do persoal sanitario.

Temos un sistema sanitario que segue tutelando o desenvolvemento profesional das enfermeiras

"As condicións de traballo, precariedade e eventualidade que describimos asociadas á enfermaría tamén afectan a outros profesionais: auxiliares, celadoras, traballadoras da limpeza. E é importante que se saiba". 

Esas condicións son resultado dun proceso de contratación falto de "criterios comúns e de transparencia", apuntan desde Eventuais en Loita, mais tamén "do menosprezo e infrarrepresentación da enfermaría" en todo o que ten que ver coa planificación sanitaria e asistencial, afirma a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Enfermaría "tutelada"

"Levamos anos reclamando que na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria exista unha subdirección Xeral de Enfermaría que se encargue de planificar as actividades asistenciais e os programas sanitarios propios desta categoría e a Administración négase. Temos un sistema sanitario que segue tutelando o desenvolvemento profesional das enfermeiras e a súa participación", alerta Abuín.

A esta demanda, de vello, o sindicato nacionalista suma "un sistema identificativo que nos permita saber por xerencias e por centros os cadros de persoal que hai e en que medida son fixos, interinos ou eventuais, tamén co obxectivo de transformar en prazas estruturais do sistema aquelas que durante 24 meses se cobren de forma continua ou discontinua". 

É un paso imprescindíbel cara a estabilidade, que, de media, o persoal eventual do Sergas tarda en alcanzar uns 12 anos. Neste tempo, denuncian desde Eventuais en Loita, o habitual son contratos moi curtos que lles impiden beneficiarse dos acordos e dereitos esenciais estabelecidos no estatuto marco.

O coidado do paciente está no centro das nosas reivindicacións

"En vez de facer un contrato de seis meses, fan seis contratos de un mes. E en vez dun contrato dunha semana fan cinco dun día e cada xornada nun centro de saúde ou nun servizo distinto. Aforran as fins de semana. Non temos dereito a baixas nin a vacacións. Tampouco a unha carreira profesional, a unha formación estábel, que non nos exixa dobrar quenda para poder facer prácticas en servizos especiais", describe Nuria González.

Este é o día a día das enfermeiras temporais do Sergas, 40% do total. Un dato que a Xunta non ofrece pero que revelou o Consello de Contas e confirmou un estudo do colectivo profesional.

"Non sabemos cantas enfermeiras traballan no Sergas, mais a ratio por doentes é insuficiente. Poden cinco enfermeiras coidar de mil persoas?" Non, di González. "Falta transparencia, persoal e condicións laborais dignas. Para chegar a toda a poboación, gozar de continuidade asistencial, saber dos nosos pacientes e que eles confíen en nós. O seu coidado está no centro das nosas reivindicacións". E debe guiar o plan de reordenación do  persoal do Sergas, remarca Abuín.