Bruxelas investiga os posíbeis contratos laborais abusivos ás enfermeiras na Galiza

Enfermeiras en Loita denuncia que hai compañeiras que fixeron máis de 500 contratos pero só cotizaron seis anos. O BNG destaca a decisión de Europa de pór en dúbida o sistema do Sergas.
A europarlamentaria Ana Miranda coas enfermeiras. (Foto: BNG)
photo_camera A europarlamentaria Ana Miranda coas enfermeiras. (Foto: BNG)

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de pedir á Comisión Europea información sobre a investigación que ten aberta en España polos supostos contratos laborais abusivos ao persoal de enfermaría na Galiza.

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, presidida por Dolors Montserrat (PP), demandou a información após decidir que a cuestión debe seguir aberta. De feito, a vicepresidenta da Comisión, Tatjana Zdanoka defendeu que se abra un procedemento de infracción e tamén se mandará unha carta ao Goberno galego para intentar solucionar o conflito.

A representante de Enfermeiras en Loita, Catuxa Lagarón, comentou en Bruxelas a situación na que se atopan, pois as contratacións laborais por parte da Xunta son constantemente por prazos temporais.

“Moitas compañeiras teñen máis de 500 contratos firmados na súa vida laboral e só seis anos cotizados. O Goberno galego non aporta datos sobre os traballadoras sanitarias e vulnera a lei da transparencia”, engadiu Lagarón.

Non hai conclusións definitivas pero o estudo da situación continúa aberta. “Que a propia Comisión Europea recoñeza o abuso da contratación temporal significa que desde Europa se pon en cuestión o modelo de contratación do Goberno na sanidade pública”, destacou a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda.

Para a nacionalista esta decisión de seis grupos políticos da Eurocámara, que apoian una denuncia contra a precariedade laboral no Sergas, é un “feito histórico”.

O socialista Nicolás González Casares resaltou que esta estratexia de incorporación de persoal “é un mal endémico” do Sergas que “burla o dereito laboral”. “Non se precariza algo eventual senón a atención continuada da saúde, que é un dereito da cidadanía”, insistiu.

Pola súa parte, o europarlamentario popular Francisco Millán defendeu que o “73% dos empregados do Sergas son fixos”.

Comentarios