Galiza e Portugal impulsarán un corredor de mobilidade sostíbel

Presentación de HI_MOV esta cuarta feira. (Foto: CTAG)
Busca artellar unha cadea de valor arredor do hidróxeno

A sede do Centro Tecnolóxico da Automoción da Galiza (CTAG) acolleu esta cuarta feira a presentación do proxecto europeo HI_MOV, que pretende impulsar un corredor tecnolóxico transfronteirizo de mobilidade con hidróxeno renovábel, e no que participan, ademais do propio CTAG, varios centros tecnolóxicos, universidades, empresas e administracións, todos eles da Galiza e de Portugal. 

A iniciativa pretende artellar un "ecosistema transfronteirizo" que impulse na eurorrexión Galiza-Norte de Portugal unha cadea de valor arredor do hidróxeno, contribuíndo a unha mobilidade sostíbel baseada en fontes de enerxía renovábeis. 

HI_MOV desenvolverase ao longo de 36 anos e permitirá "analizar as potencialidades do hidróxeno renovábel como vector de mobilidade, mellorar a capacitación e o posicionamento tecnolóxico das entidades da eurrexión na industria emerxente" que rodea esta forma de enerxía, así como "desenvolver conxuntamente solucións baseadas no hidróxeno e levar a cabo probas piloto para demostrar a súa viabilidade". 

Áreas de traballo

O proxecto transfronteirizo presentado onte contará con catro áreas de traballo: observatorio tecnolóxico para analizar as "potencialidades" do hidróxeno renovábel como vector de mobilidade e modelar da rede de hidróxeno no eixo Galiza-Norte de Portugal; fortalecemento do ecosistema e capacitación para crear unha rede de coñecemento e o posicionamento tecnolóxico das entidades da Eurorrexión; desenvolvemento de solucións tecnolóxicas nos ámbitos de almacenamento, distribución e uso en mobilidade; e pilotos demostrativos para probar a viabilidade das tecnoloxías de subministro, distribución e loxística de última milla con hidróxeno no espazo transfronteirizo.