Galiza pola República chama a "liquidar" o franquismo e a monarquía no 90 aniversario da República

Concentración co gallo do 45 aniversario da proclamación de Xoán Carlos I como rei.
Unha trintena de entidades da comarca da Coruña convocan unha concentración a prol da constitución de grupos territoriais de Galiza pola República e da creación dunha Rede de Concellos Galegos pola República. Será a terza feira ás 19:30 horas no Cantón Grande.

Coincidindo co 90 aniversario da caída da monarquía (1931-2021) tras as eleccións municipais do 12 de abril de 1931 e a posterior proclamación da República, máis de 70 entidades de toda Galiza asinan o manifesto 'Non queremos monarquía. Galiza pola república' e chaman a unha concentración a terza feira, 13 de abril, ás 19:30 horas no Obelisco, no Cantón Grande da Coruña, convocada por 27 entidades da comarca.

Na Galiza é posíbel a unidade pola república

Segundo salienta nun comunicado a plataforma Galiza pola República, o manifesto é un bo exemplo de que na Galiza é posíbel a unidade pola república, unha experiencia que mesmo podería ser válida para o conxunto do Estado.

"Cómpre unir forzas para acabar coa monarquía, dentro da pluralidade, respectando distintos obxectivos estratéxicos que poidan situar a Galiza no marco dunha República Federal; aqueles que están a prol dun República Galega, ben dentro dunha República Confederal ben como Estado independente, ou as que están por unha República Ibérica con Portugal".

Incompatíbel coa democracia

O texto que subscriben entidades políticas, sindicais, sociais e culturais reivindica a república fronte a monarquía, unha forma de Estado "incompatíbel cun sistema democrático". "É un réxime vitalicio e hereditario, que non ten en conta a vontade popular porque o rei, como xefe do Estado, non é elixido polo pobo nunhas eleccións democráticas".

Estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional

Neste sentido, o manifesto fai alusión ao rei emérito Xoán Carlos. "Nunca condenou a ditadura franquista, xustificaba a sublevación contra a democracia e nas súas manifestacións públicas falaba da 'lexitimidade política xurdida o 18 de xullo de 1936', manifestaba 'respecto e gratitude ao noso Xeneralísimo Franco' e rendía 'homenaxe á súa memoria'”.

Xoán Carlos foi rei pola designación do ditador, engade o manifesto para explicar a orixe da actual monarquía: "O ditador Franco, que encabezou en 1936 o levantamento militar e fascista contra a democracia, nomeou a Xoán Carlos como o seu sucesor en 1969 'para que todo quede atado e ben atado para el futuro'. A monarquía actual é, polo tanto, herdeira do franquismo, daqueles que deron un golpe de Estado contra a República constitucional, elixida nunhas eleccións democráticas".

Corrupción

O manifesto presta especial atención á corrupción da monarquía e ao rexeitamento social que acubilla, cada vez máis notorio, especialmente desde a abdicación do agora rei emérito en 2014.

"Queremos que sexa xulgado por todos os posíbeis delitos cometidos" antes e despois dese ano. "Que Xoán Carlos de Borbón reembolse ao patrimonio do Estado as partidas económicas que recibiu con cargo ao orzamento da Casa do Rei desde 2008. Que unha Comisión do Congreso dos Deputados investigue os ingresos do rei emérito en concepto de comisións e outras actividades económicas durante o seu reinado; os bens e patrimonio de todos os membros da Familia Real, así como as contas nos bancos".

Decidir o futuro

Así, denuncian "a oposición continuada dos partidos monárquicos na Mesa do Congreso, até en sete ocasións, para que se investiguen os numerosos casos de corrupción. Estamos ante unha auténtica blindaxe e impunidade da monarquía", polo que reivindican o dereito a decidir sobre "o noso futuro como pobo".

"Partindo desa realidade plurinacional, do recoñecemento da soberanía da nación galega e o seu dereito democrático a decidir, estamos pola convocatoria dun referendo consultivo para que a cidadanía poida decidir sobre o modelo político e institucional e escoller a forma de Estado: monarquía ou república".

O manifesto conclúe facendo un chamamento "ás organizacións políticas, sindicais, fundacións e todo tipo de asociacións e entidades da nosa nación para a constitución de grupos territoriais de Galiza pola República e a creación dunha Rede de Concellos Galegos pola República" co obxectivo de "liquidar" o franquismo das institucións e "mudar as estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao servizo da cidadanía".

Asinantes

Entre as entidade asinantes do manifesto figuran Anova, BNG, Cerna, Compromiso por Galiza, Marea Atlántica, Podemos, Unión Republicana, Sada Maioría, Compostela Aberta, CIG, Galiza Nova, Isca, XCG, Estudantes Antifascistas, Mocidade pola Independencia, Iniciativa Galega pola Memoria, Memoria da Mariña, Asemblea Republicana de Vigo, Ateneo Republicano de Valeodorras, Colectivo Republicano de Redondela, Amigos da República de Ourense, Fundación Moncho Reboiras, Fundación Galiza Sempre ou a Fundación Alexandre Bóveda; ademais de entidades culturais e centros sociais da Coruña, Culleredo, Oleiros, Sada, Santiago, Teo, Ribeira, Ordes, Agolada, Val do Limia, Vigo, Ferrol, Vilagarcía, Cerdedo-Cotobade, Marín, O Grove, A Estrada, O Deza, Mos, Cangas, Valga, Pontevedra, entre outras.