Galiza pola Paz chama á mobilización este domingo para exixir a fin da guerra en Ucraína

Acto decorrido esta sexta feira en Pontevedra para presentar as mobilizacións do domingo (Foto: Galiza pola paz).
"Solidarizámonos cos pobos de Ucraína, Donetsk e Luhansk e denunciamos a morte, o sufrimento e a destrución que está a provocar o imperialismo de Putin con esta guerra", apunta a plataforma.

A plataforma Galiza pola Paz constituíuse esta sexta feira en Pontevedra con presenza de representantes de BNG, CIG, Fruga, Galiza Nova, Anova e Mar de Lumes, co obxectivo de exixir a fin da guerra en Ucraína e a retirada das tropas rusas.

O primeiro acto público será a concentración do vindeiro domingo, día 20, en Pontevedra, contra as 12 horas na praza da Peregrina.

"Denunciamos a morte, o sufrimento e a destrución que está a provocar o imperialismo de Putin con esta guerra", apuntan, nun comunicado.

Aliás, a entidade solidarízase cos pobos de Ucraína, Donetsk e Luhansk, "que están a pagar o prezo desta guerra en forma de vidas humanas e millóns de persoas exiliadas e refuxiadas".

Ante o escenario actual, exixen "a volta de todas as partes ás vías diplomáticas como único modo de rematar con este masacre". "Todas as guerras rematan cun acordo diplomático e na Ucraína, en Donetsk e en Luhansk non se pode agardar máis para voltar aos acordos de Minsk no marco da ONU e da OSCE", defenden.

"Nun contexto de fonda crise económica, vemos con moita preocupación as consecuencias económicas que esta guerra está tendo no pobo galego co empobrecemento de amplas capas sociais", engaden.

Por último, desde Galiza pola Paz lembran que "esta non é a única guerra provocada polo imperialismo no mundo actual", polo que trasladan a súa solidariedade a "todos os pobos que as padecen".

Mobilizacións deste domingo (todas ás 12 horas)

A Coruña: Subdelegación do Goberno

Compostela: Praza do Toural

Ferrol: Praza de Armas

Lugo: Praza Maior

Ourense: Subdelegación do Goberno

Pontevedra: Praza da Peregrina

Vigo: Farola de Urzáiz