Galiza perdeu até o 45% das circulacións de trens respecto a antes da pandemia

Varias persoas esperan o tren na estación de Compostela en marzo de 2021 (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
Tras dúas xornadas de folga, os maquinistas de Renfe manteñen outras seis días de paro entre o 4 e o 12 de outubro. Protestan pola demora na recuperación dos trens suprimidos durante a pandemia e pola falta de persoal para conducilos. Sen rede de proximidade, Galiza urxe reactivar liñas de media distancia anuladas pola Covid.

Galiza, ao igual que outros territorios do Estado, segue sen recuperar a totalidade dos servizos ferroviarios de viaxeiros minguados ou anulados durante a pandemia da Covid. O estado de alarma, as restricións de mobilidade e a caída da demanda levaron a Renfe a suprimir liñas e frecuencias que non volveu repor.

Hai un ano, a operadora pública prestaba 65% dos servizos de media distancia previos á pandemia. Segundo recoñeceu esta quinta feira o seu presidente, Isaías Táboas, os servizos comerciais "repuxéronse todos, excepto o tren hotel", mentres que os públicos atópanse perto de 70%.

Malia a viraxe da situación epidemiolóxica, o titular de Renfe volveu fiar a recuperación progresiva dos servizos ferroviarios a unha mellora das condicións sanitarias. Mais tamén a un incremento da demanda por parte das viaxeiras para xustificar ese gasto ante o Ministerio do Transportes. Neste sentido, chamou ás usuarias a utilizar menos o coche particular para "incentivar" á compañía "a pór máis trens", dado que os de servizo público deben gozar de "certa ocupación" que acredite un aumento de frecuencias.

Servizo antes que demanda

Para o voceiro do sector do ferrocarril da Confederación Xeral do Traballo (CGT), Juan Sánchez Losada, tacha os argumentos de Isaías Táboas de "perversos" porque sen trens nin frecuencias suficientes é imposíbel consolidar a demanda das usuarias. "Se non tes tren a primeira hora da mañá para ir traballar, de nada serve telo á tarde para regresar. A xente colle o coche". Por iso, di, urxe restabelecer as circulacións que coincidan coas horarios laborais ou estudantís das usuarias.

"Se non teño o servizo ferroviario que preciso non collo o ten e se non collo o tren, Renfe di que non hai demanda". Sánchez Losada defende a garantía dun servizo público que "hai que prestar e adaptar á ocupación que se vaia dando agora que a situación sanitaria tende á normalidade, e mais en 2021, nomeado pola Unión Europea como o ano do ferrocarril.

Desde a CGT estiman que Galiza perdeu, e aínda non recuperou, 45% da circulacións de trens de media distancia, a maioría no rural, fronte á mellora dos servizos no eixo atlántico, operativos nun 75%.

Servizos pendentes 

Con todo, non son suficientes. O sindicato denuncia que a oferta de Renfe no ámbito do corredor Vigo-Santiago-A Coruña non cobre a demanda existente as sextas feiras e os domingos. "Os trens van completos e hai ducias de viaxeiros, nomeadamente estudantes que fican fóra por falta de prazas".

Ademais, sinala Sánchez Losada, permanece suspendido o tren Vigo-Santiago con saída de Guixar ás 6.58 horas, así como os trens que circulaban por Redondela, Arcade, Catoira, Pontecesures e Padrón.

Tampouco se recuperaron os trens de proximidade que facían Vilagarcía-Santiago-Vilagarcía e que "sextas e domingos asumían unha importante ocupación, liberando prazas nos trens de media distancia entre eses dous puntos e aliviando presión sobre os trens completos que impiden viaxar de Vigo e Pontevedra até Santiago e A Coruña.

A pandemia e Renfe tamén deixaron Tui sen conexión de viaxeiros por tren, tras suspender as liñas entre Vigo e Valença. No norte, reclaman o restabelecemento das cinco liñas entre A Coruña e Ferrol previas á pandemia. Agora só funcionan tres. E cara ao interior, a reposición do tren das 6.45 Ourense-Santiago mais das dúas frecuencias diarias que operaban na liña do Miño, dado que só manteñen unha. 

"Falamos dun tren esencial que vertebra o rural coas cidades de Vigo, Ourense e Monforte, unha das capitais máis castigadas polos recortes de trens cara ao Carballiño ou Santiago, mais tamén cara a Monforte, Sarria e Lugo. E afectada ademais polo desdobramento do tren entre Ponferrada e Vigo, que obriga as viaxeiras a baixar na cidade  "e esperar dúas horas e media  para continuar a viaxe", sinala Juan Sánchez Losada.

O voceiro da CGT chama a impulsar o transporte de viaxeiros por ferrocarril e a facelo rendíbel fronte ao transporte por estrada. E potencialo, di, exixe recuperar liñas esenciais para as usuarias, mais tamén implantar bonificacións nos aparcadoiros das estacións que sumen ao aforro que xa supoñen os bonos de viaxes.