Proxeccións do INE

Galiza perderá 8,5% da súa poboación en 15 anos

Segundo as proxeccións de poboación a curto prazo elaboradas polo INE, Galiza perderá 230.722 habitantes no período 2016-2031, o que supón unha diminución de 8,5%. Por provincias, en Ourense e Lugo daranse as maiores perdas en termos relativos (12,6% e 11,3% da poboación respectivamente).

 

Ademais da baixada no número de habitantes, as proxeccións amosan un progresivo envellecemento da poboación. Así, en Galiza, a porcentaxe de persoas de 65 ou máis anos pasará de 24,3% en 2016 a 31,3% en 2031.

 

O índice de envellecemento proxectado para 2031 de Galiza sitúase en 232,7%, o que significa que para esa data por cada 100 menores de 20 anos haberá no noso país case 233 maiores de 64 anos (en 2016 o indicador proxectado situouse en 153,7%).

 

As zonas máis envellecidas serán as situadas na área sur da provincia de Ourense e nas comarcas ourensanas limítrofes coa provincia de Pontevedra. Así, no sur da provincia de Ourense (comarcas da Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana) a relación entre menores de 20 e maiores de 64 superará o valor de 500 en 2031 (507,9 maiores por cada 100 menores). Similar evolución observarase na área integrada polas comarcas do Carballiño e O Ribeiro, onde o índice de envellecemento proxectado para 2031 situarase en 405,5.