Galiza disputa con Mónaco e Xapón ser o país coa taxa de natalidade máis baixa do mundo

Con 7 nacementos por cada mil habitantes só superamos, en todo o mundo, o ratio de Mónaco, con 6,7

De mal en peor. Calquera dado demográfico que se colla a respecto de Galiza indica (e con luz vermella ben clariña) que cualificar de dramática a situación é de todo menos alarmista. As recentes pesquisas do INE indican que a cifra de mortes practicamente duplicou a de nacementos na Galiza no primeiro semestre do 2017. De xaneiro a xuño morreron 16.812 persoas e naceron 8.870, un saldo vexetativo negativo de7.942, o peor no que vai de século. En 2016 a fenda entre nacementos e mortes foi no país a maior dende que hai datos.

 

Nese ano, 2016, a taxa de natalidade foi en Galiza de 7,02. É dicer, sete nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco ten peores rexistros: 6,6 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega.

 

De feito, países con problemas neste sentido, como Xapón, Alemaña ou Letonia, teñen moitos mellores rexistros que Galiza. Se pousamos a mirada nos cinco rexistros máis baixos de taxa de natalidade de estados desde 1960 vemos como o noso país ten peores datos que eles. Preocupante.

 

A media de taxa de natalidade no Estado español é de 8,7 e na Unión Europea, 10. Moi superiores á de Galiza

 

A media de taxa de natalidade no Estado español é de 8,7 e na Unión Europea, 10. Moi superiores á de Galiza. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cunha de taxa bruta de natalidade que anda nos 45 nacementos por cada mil habitantes.

 

Por baixo

 

A isto engádese que temos dos índices de fecundidade máis baixos. Ou sexa, que estamos entre aqueles territorios onde o número de fillos e fillas por muller ao longo da súa vida fértil é menor. Galiza forma tridente con Asturies e Canarias. E moi perto delas está Madeira (Portugal). Son catro territorios en serio risco do que se denomina 'inverno demográfico', con baixas taxas de fecundidade e natalidade, e poboación aventellada.

 

Na Galiza o índice de fecundidade é de 1,07, moi afastado do que organismos internacionais marcan como mínimo necesario para garantir o relevo xeracional, é dicer, a fecundidade necesaria para garantir a substitución dunha xeración por outra de igual tamaño. É o que se denomina a taxa de reemprazo xeracional e os expertos sitúana no 2,1. En Galiza estamos na metade.