O país dun habitante menos cada hora e as 2.000 aldeas abandonadas

Aldea abandonada na Pontenova.

Nun só ano perdemos case 10.000 habitantes. Temos 1.950 aldeas deshabitadas e máis de 2.000 que están a piques de estalo.

Galiza perdeu 10.000 habitantes nun só ano. Emigración (máis de 365.000 galegos marcharon do país nas dúas últimas décadas) e baixa natalidade (Con 7 nacementos por cada mil habitantes só superamos, en todo o mundo, o ratio de Mónaco, con 6,7) son dous dos factores responsábeis da sangría demográfica do país. Factores que veñen determinados por siuacións e casuísticas económicas, sociais, políticas…  Cada hora que pasa, Galiza ten un habitantes menos.

 

En Galiza hai 1.950 núcleos deshabitados fronte aos 1.865 de 2016 e os 1.669 de 2015. En apenas dous anos, 281 aldeas abandonadas. A un ritmo medio de unha cada catro días. Esta listaxe non parará de medrar: hai case mil núcleos onde vive unha única persoa e perto de 1.200 habitados por só dous veciños.

 

Mais esta desertización poboacional tamén comeza afectar a parroquias enteiras. San Salvador de Soutomerille, no concello de Castroverde, e San Martiño de Rebordondo, en Monterrei, son dúas parroquias onde xa non vive ninguén. Cero habitantes, segundo as estatísticas do IGE. Noutrora terían, como o resto de parroquias do país, núcleos de poboaión, veciñanza, festas parroquias, tarefas e traballos mais xa non fica nin quen poida ter memoria daquela época. Un risco que paira sobre outras sete, que teñen menos de 5 veciños. As parroquias con menos de 10 habitantes son 31.

 

O 41 por cento dos galegos viven en 70 das 3.790 parroquias que hai en Galiza, 70 parroquias que supoñen apenas o 1,2% da superficie do noso país. Máis dun millón cento cincuenta mil persoas concentradas en menos de 348 quilómetros cadrados dos perto de 30.000 que ten Galiza. O 24% da poboación galega viven en zonas pouco poboadas (ZPP ‘superbaixa’) e que ocupan o 87,5% do territorio galego.