A Galiza perde 5.663 habitantes e segue por baixo dos 2,7 millóns

Cemiterio de Mondoñedo, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Arxina).
Hai máis defuncións que nacementos desde 1988, e a idade media da poboación é hoxe doce anos e medio superior á de 1975.

O Instituto Nacional de Estatística (INE) actualizou esta quinta feira a súa serie de cifras poboacionais e movementos migratorios, que, máis unha vez, deixa un resultado negativo na Galiza. Segundo estes datos, o país perdeu 5.663 habitantes no primeiro semestre de 2021 a respecto do anterior, polo que a poboación galega fica en 2.691.213 persoas, por baixo dos 2,7 millóns, un limiar que se sobrepasou ao remate de 2019.

Isto débese, principalmente, ao saldo vexetativo negativo que rexistra a Galiza por trixésimo cuarto ano consecutivo, con 9.326 defuncións máis que nacementos. 1987 foi o último ano que ofreceu un resultado positivo.

Por outra banda, malia que no primeiro semestre de 2021 o país recibiu máis persoas migrantes que as que marcharon, o saldo migratorio (+3.736) é insuficiente para paliar a crise demográfica. De feito, os nacementos atópanse en caída libre desde 2008, cunha progresiva diminución ano tras ano. A taxa de nacementos pasou en só unha década de 741,1 a 464,21 nacementos por cada 1.000 habitantes, un dato moi inferior á media estatal, 691,72.

Deste modo, o crecemento poboacional relativo, que no conxunto do Estado español é de -0,15% a respecto do período anterior, na Galiza é de -0,21%. Só Murcia, Canarias e País Valencià, por esta orde, teñen un resultado positivo. O saldo medio estatal é hoxe negativo por primeira vez desde xaneiro de 2016.

Un país envellecido

O pronunciado descenso poboacional é máis preocupante aínda, se callar, tendo en conta que a Galiza é o segundo territorio máis envellecido do Estado, cunha taxa de 207 persoas maiores de 65 anos por cada cen menores de 15. De feito, segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE), hai máis anciáns de idades superiores aos 80 anos —234.615— que rapazas e rapaces de entre cero e nove —196.986.

Este é un dos factores que explica que a idade media da poboación da Galiza se veña elevando cada ano desde 1975 —35,1 anos— até 2021 —47,74—. A cifra actual supera en catro anos o a media estatal. Aliás, as mulleres galegas son maiores —49,26 anos— que os homes —46,11—.

Con base nestes indicadores, o IGE prevé unha constante e progresiva perda de habitantes durante os vindeiros quince anos. En 2035, segundo estas estimacións, habitarán o país pouco máis de 2,5 millóns de persoas.