A Galiza conta coa peor conexión a internet de alta velocidade do Estado

As velocidades de conexión a internet lastran un servizo de calidade. (Foto: Nós Diario)
A maioría dos concellos cunha peor conexión a internet son rurais, case todos no interior e na metade leste do país.

Dos 313 municipios da Galiza, polo menos 200 contan cunha "mala conexión a internet". Así o afirma o Colexio Oficial de Telecomunicacións da Galiza (Coettga), que tamén informa que perto de 100 concellos non teñen acceso a máis de 10 megabites de velocidade. Estes datos evidencian a existencia da denominada fenda dixital.

A gran maioría dos aproximadamente 100 concellos galegos que non poden gozar de máis de 10 megabites de velocidade na conexión a internet son municipios rurais, case todos no interior, nas comarcas da metade leste do país. É, por tanto, evidente que na Galiza existe unha fenda dixital entre o mundo urbano e o rural. De feito, o país sitúase xunto con Estremadura, Castela e León e Castela-A Mancha nos tres peores postos en canto ao uso e acceso a servizos de Tecnoloxía da Información e a Comunicación (TIC) segundo datos de Coettga. Algo que afecta especialmente en tempos de pandemia, ao moitas persoas térense visto obrigadas a 'teletraballar', para o que  non só cómpre ter conexión á rede senón que o sinal sexa de boa calidade para garantir a produtividade de quen se ven na obriga de realizar o seu labor desde a casa. 

Hai que ter en conta que, na actualidade, os contidos na internet son cada vez máis pesados en bites, o que dá lugar a que nos núcleos de poboación deses concellos desfavorecidos non se poida acceder a determinados contidos, nin no terreo do teletraballo nin tampouco no da teleformación, como aconteceu con numerosos escolares, segundo a opinión dos enxeñeiros de telecomunicacións.

Un problema que vén de lonxe

Esta problemática viuse ampliada por causa da pandemia da Covid-19, mais esta situación non é nova. Xa en 2019, o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital publicaba o Informe de Cobertura de Banda Ancha no cal informaba de que só 86,79% da Galiza conta con cobertura de máis de 2 megabites por redes fixas. A cifra descende a 64,66% en canto a velocidades de máis de 30 megabites e para máis de 100 Mbps, a conexión por rede fixa sitúase en 61,53%. 

En concellos como Folgoso do Courel, sofren esta situación dun modo especial. A finais de 2021, a compañía Movistar anunciaba o corte das conexións de telefonía fixa e internet por rede de cobre no municipio. Pouco despois, a empresa rectificaba comprometéndose a realizar a desconexión en 2022 tras garantir unha alternativa de servizo aos usuarios da zona. En xaneiro de 2022, Movistar enviou unha carta á veciñanza na cal informaba de que en seis meses deixarían de prestar o servizo e, segundo testemuños de habitantes de Folgoso do Courel, aínda non se lles proporcionou ningunha alternativa, como prometera a multinacional. 

Desde o BNG fixéronse eco desta situación a través do seu deputado no Congreso español, Néstor Rego. "É certo que a moitos usuarios da zona se lles instalou servizo de fibra óptica, mais existen moitos outros que non poden ter acceso á mesma, polo que terán que dispor dunha tecnoloxía alternativa", denunciaba Rego, ao tempo que aseveraba que "esta situación deixa a veciñanza nun illamento tecnolóxico". Por este motivo, o deputado nacionalista reclamou ao Executivo español que interveña nesta situación e leve a cabo todas as medidas necesarias que permitan garantir un servizo básico de comunicación alternativo que substitúa o actual para todos os habitantes do municipio. 

A fenda dixital, fonte de desigualdade

Dada esta problemática, revélase que a conectividade é fundamental para garantir a igualdade de oportunidades, conectar zonas rurais, facilitar o acceso aos servizos públicos e, en xeral, mellorar a calidade de vida. 

Na actualidade, internet é unha poderosa ferramenta para a prestación de servizos, algúns tan esenciais como a educación e a atención médica polo que unha mala conectividade supón un claro aumento da desigualdade. Para alén diso, as persoas que decidan vivir no rural poden verse afectadas no relativo a oportunidades laborais.