SOCIAL

Toda a Galiza pasa á fase 1 do desconfinamento o día 11

Desconfinamento (M.Dylan/EP).
O ministro de Sanidade anuncia que a Galiza estará na fase 1 do plan de desconfinamento do Goberno español desde a segunda feira. Manteranse as restricións por franxas horarias, mais será posíbel o contacto social en grupos de até 10 persoas e ir a comprar sen cita previa. 

Fernando Simón, director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Estado, vén de anunciar que toda a Galiza entrará na fase 1 do desconfinamento a partir da segunda feira, día 11, após analizar os datos remitidos ao Goberno español por parte da Xunta. 

Neste anuncio, Simón referiuse a que "todo o territorio" da Galiza pode avanzar á seguinte fase, mais non especificou que "unidade" elixiu finalmente o Goberno estatal para dividir o país. De maneira global estabeleceran a "provincia", pero desde a Xunta solicitouse que se empregaran as "áreas sanitarias"

Mentres non se coñeza que unidade territorial vai empregar o Goberno español, non se sabe cal vai ser o alcance dos movementos das galegas e galegos. Pois a mobilidade nesta fase 1 seguirá restrinxida a esa unidade territorial, que será a provincia ou a área sanitaria. "Isto é importante porque se se produce un brote agudo será máis sinxelo illalo xeograficamente", destacou o ministro de Sanidade. 

Salvador Illa explicou que o 51% da poboación do Estado estará a semana que vén na nova fase do desconfinamento. "Case a metade da poboación española está en condicións de ter a partir da segunda feira as medidas correspondentes á fase 1", asegurou.

O BOE publicará a orde detallada con todas as actividades permitidas na fase 1 mañá, mais o ministro avanzou que o Goberno español segue a apostar polo teletraballo

Grupos de 10 persoas, sen límite temporal

Estará permitido o contacto social de até 10 persoas en grupos, sen límite de tempo, e a reapertura de todos os estabelecementos cunha superficie até 400 metros cadrados e cun aforo de até o 30%. 

Haberá horarios específicos e preferentes para as maiores de 65 anos en todos os servizos e estabelecementos. 

Os concellos poderán decretar a apertura dos mercados ao aire libre cun máximo do 25% aforo e as terrazas abrirán ao 50%, con 10 persoas por mesa ou agrupación de mesas.

Reabrirán as bibliotecas e museos, así como os hoteis e estabelecementos turísticos. Ademais, estarán permitidas as actividades de turismo activo en grupos de menos de 10 persoas. 

Segundo avanzou Illa, os territorios poderán axustar os horarios para a saída das menores de 14 anos segundo as condicións climatolóxicas. 

Criterios para o avance 

O director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias manifestou que realizaron unha "valoración conxunta" dos criterios para "garantir unha resposta axeitada no caso dun brote epidémico agudo"

Fernando Simón afirmou que entre estes criterios destacan o "número de camas en UCI por cada 10.000 habitantes" e o "número de camas para pacientes agudos por cada 10.000", que se traduce en "entre 37 e 40 camas por 10.000 habitantes" neste caso, por cada unidade territorial. 

Os criterios tamén analizan a "evolución do número de reprodución de casos" e os "casos confirmados por PCR nos últimos sete días", a influencia acumulada nos últimos sete días e os "casos sospeitosos aos que se lles realiza unha proba PCR", así como cantos deses pacientes dan positivo. 

O número de falecementos nos últimos sete días figura neses criterios, onde resulta especialmente importante "a capacidade da atención primaria para facer un diagnóstico precoz", segundo salientou Simón, que debe contar cos "recursos humanos e materiais necesarios".

Segundo o ministro de Sanidade, a orde que publicará o BOE recolle nun "83% as propostas" dos diferentes territorios do Estado. Salvador Illa sostivo que empregaron un principio de "cogobernanza" para "decidir conxuntamente" cando un territorio está en condicións de avanzar de fase no plan de desconfinamento. 

"É máis importante que nunca a disciplina social", salientou Illa, para lembrar a recomendación de gardar unha distancia de 2 metros, o lavado frecuente de mans e manter a hixiene nos espazos públicos e privados. O máis importante nesta primeira fase, segundo o ministro, é "consolidar o control da epidemia" que se logrou nesta fase cero do desconfinamento.