Galiza participa na celebración do 50 aniversario da Revolução dos Cravos

Celeste Caeiro coloca un caravel no fusil dun soldado. (Foto: Centro de Documentação 25 de Abril)
A xornada decorrerá na Casa da Cultura de Melgaço.

A Galiza será protagonista nos actos de conmemoración do 50 aniversario da Revolução dos Cravos que decorren este sábado no norte de Portugal. Concretamente, a vila de Melgaço acolle a conferencia "O Caminho para a Liberdade", na que participarán o politólogo e xornalista Aser Álvarez, que abordará o tema do asalto ao Santa María e o principio do fin do salazarismo; o profesor e investigador Xosé Estévez, que partillará a súa visión sobre o Galeuzca e o DRIL (Diretório Revolucionário Ibérico de Libertação); o profesor Américo Rodrigues, que disertará sobre Virgínia Moura e a súa loita pola liberdade; e Manuel Sarmento, que deixará testemuño da resistencia estudantil antifascista, despois da crise académica decorrida no ano 1969.

A xornada decorrerá na Casa da Cultura da vila lusa e, previamente, o espazo acollerá a presentación do libro Em Torno da Mobilidade - Provérbios, Expressões Idiomáticas, Frases Consagradas, polo profesor Albertino Gonçalves, que suporá ademais unha homenaxe á profesora doutora Maria Beatriz Rocha-Trindade, insigne académica e investigadora referente internacional na área das migracións. 

A seguir terá lugar a presentación da exposición 25 de Abril: Rumo ao Cinquenternário, da CIM Alto Minho. A mostra, creada polo Plano Nacional das Artes (PNA), está constituída por 11 roll-ups sobre os 50 anos do 25 de Abril de 1974, abordado vario temas, nomeadamente: réximes políticos do século XX, o Estado Novo, a contestación á ditadura, a guerra colonial, o MFA, o golpe do estado militar, a revolución, a descolonización e as independencias, o PREC, a democracia e o activismo. 

Cada un dos 11 paneis que compoñen esta exposición ten un código QR asociado que permitirá acceder a unha páxina con contidos complementarios, tales como textos, fotografías, imaxes, vídeos, etc.