Desde 1987 non rexistra saldo vexetativo positivo

Galiza, de novo, o peor saldo vexetativo de todo o Estado

8.426 mortes máis que nacementos nos primeiros seis meses do ano.

Galiza rexistrou 16.121 mortes e 7.695 nacementos no primeiro semestre deste ano, o que supón para o noso país un saldo vexetativo negativo de 8.426 persoas, o peor de todo o Estado.

Segundo os datos provisionais do primeiro semestre que publica o Instituto Nacional de Estatística, os nacementos descenderon na Galiza neste período 7,4% en comparación cos 8.311 que tiveron lugar entre xaneiro e xuño en 2018.

Con todo, o saldo vexetativo á baixa que padece Galiza no primeiros seis meses de 2019 (8.426 persoas menos) supón un descenso menos acusado que o se produciu no mesmo período de 2018 (por entón foron 9.161 menos).

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

En 2016 a taxa de natalidade foi en Galiza de 7,02. É dicer, sete nacementos por cada mil habitantes. Unha ratio das máis baixas que hai en todo o planeta. De feito, e segundo dados internacionais, só Mónaco ten peores rexistros: 6,6 nacementos por cada mil habitantes. Nos outros por volta de 200 estados que hai no mundo, a taxa de natalidade é mellor do que a galega.

De feito, países con problemas neste sentido, como Xapón, Alemaña ou Letonia, teñen moitos mellores rexistros que Galiza. Se pousamos a mirada nos cinco rexistros máis baixos de taxa de natalidade de estados desde 1960 vemos como o noso país ten peores datos que eles. Preocupante.

Proxeccións

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.

No 2015 tiñamos 219.310 menores de 10 anos en Galiza. Deles, 104.813 eran menores de 5 anos. Segundo as proxeccións do IGE, no 2031 teremos 139.899 persoas por baixo dos 10 anos de idade. Isto supón que dentro de 15 anos ese tramo de poboación, a de 0 a 9 anos, constará de perto de 80.000 persoas menos. O equivalente a todos os habitantes da cidade de Ferrol, por poñer un exemplo. Unha caída do 26%. Pola contra, a pirámide engrosa polo cumio. De 215.785 persoas que teñen entre os 80 e os 94 anos de idade pasarase a 251.095, o que é 35.310 persoas máis, un incremento do 16% respecto da actualidade.