Galiza encadea máis mortes que nacementos desde 1986

[IGE]

Segundo o IGE en dez anos o noso país perderá máis dun 5% do seu censo e a poboación tornarase máis avellentada, principalmente en Lugo e Ourense. 

 

A crise demográfica en Galiza ten diversas facianas. Para alén do repunte migratorio que deita cifras arrepiantes entre as faixas de idade máis novas (arredor de 118.000 persoas menores de 34 anos no último quinquenio), o noso país encadea 29 anos cun saldo vexetativo negativo (nacementos - mortes). 

Segundo os dados publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2012 Galiza perto de 10.000 defuncións máis do que crianzas nadas. No concreto 9.782, o que empeora as cifras en relación co período anterior onde o crecemento natural da poboación se situou en -8.285. Con estes resultados o país acumula case tres décadas de perda poboacional. E é que desde 1986 morren máis persoas das que nacen, sendo a taxa bruta de natalidade de 7,7 --case tres puntos menos que a media do estado. 

Comarcas de Lugo e Ourense, as que máis poboación perden

Neste senso o IGE aventúrase a proxectar como será a pirámide poboacional dentro dunha década e advirte de que Galiza "perderá un 5,4% da súa poboación". Isto é, 147.752 habitantes no período 2013-2023. Por provincias, Lugo e Ourense serán os espazos de maior redución. E no tocante ás comarcas Os Ancares, A Fonsagrada e Sarria xunto con Baixa Limia, A Limia, Terra de Celanova, Verín e Viana veranse máis atinxidas.  

Aliás, o avellentamento da poboación agudizarase situándose a porcentaxe de persoas maiores de 65 anos no 26,9% fronte o actual 23,1%.