Demografía en vermello: só en 15 dos 314 concellos de Galiza hai máis nacementos que defuncións

Só en 15 dos 314 municipios galegos hai máis nacementos que defuncións. As sete principais cidades de Galiza rexistran saldo negativo.

Hai máis dun cuarto de século que en Galiza non temos un saldo vexetativo positivo, isto é, que hai máis nacementos que defuncións. O 2016 seguiu o mesmo camiño que os 25 anos anteriores e o número de nacementos en Galiza ficou moi por baixo do de mortes. Foron 18.952 fronte a 31.473, o que deixa un claro saldo negativo, - 12.521. Peor dado incluso que o de 2015, cando o saldo fora de menos 12.057. Outro rexistro máis para acrecentar ao preocupante rexistro de Galiza no que atinxe á poboación: cada vez menos e máis avellentada.

 

Só 15 dos 314 galegos presentan máis nacementos que defuncións. Unha dinámica que encabeza Ames (saldo vexetativo positivo en 193 persoas), seguido de Arteixo (97), Salceda (35) e Cambre (28). No outro estremo, como concellos con peor saldo vexetativo, están as grandes cidades galegas. Na Coruña en 2016 houbo 721 máis falecementos que nacementos. En Vigo, 584; no Ferrol 479 e en Ourense, 447.

 

Destaca o saldo negativo que presentan concellos como Viveiro, que con 15.000 habitantes ten un saldo negativo de 144 persoas. Ou Vilalba, que ten 14.000 habitantes e rexistrou 126 máis mortes que nacementos en 2016.

  

Taxa de natalidade das máis baixas do mundo

 

A taxa bruta de natalidade (nacementos nun ano por cada mil habitantes) é en Galiza do 7,1. É dicir, que nun ano nacen por cada mil galegos, 7 crianzas. Un dato que nos sitúa como o país do mundo coa taxa de natalidade máis baixa se nos comparamos cos perto de estados que existen. O segundo país coa taxa bruta de natalidade máis baixa do planeta é Bosnia Herzegonina, e ten un 7,6 por mil, porcentaxe que supera en 5 décimas á galega. E Xapón, terceiro país neste triste ranking ten unha taxa do 8 por mil. A media no Estado español supera o 9 por mil e na Unión Europea sitúase por riba do 10. Xa non falemos de Níxer ou Mali, cun 45 de taxa bruta de natalidade por cada mil.

 

Proxeccións

 

As proxeccións de poboación realizadas polo Instituto galego de estatística (IGE) sinalan que para 2031 a pirámide poboacional galega terá un 26% menos de menores de 10 anos e un 16% de persoas entre os 80 e 94 anos.

 

No 2015 tiñamos 219.310 menores de 10 anos en Galiza. Deles, 104.813 eran menores de 5 anos. Segundo as proxeccións do IGE, no 2031 teremos 139.899 persoas por baixo dos 10 anos de idade. Isto supón que dentro de 15 anos ese tramo de poboación, a de 0 a 9 anos, constará de perto de 80.000 persoas menos. O equivalente a todos os habitantes da cidade de Ferrol, por poñer un exemplo. Unha caída do 26%.

 

Pola contra, a pirámide engrosa polo cumio. O ano pasado había 215.785 persoas que tiñan entre os 80 e os 94 anos de idade. Dentro de quince anos serán 251.095, o que é 35.310 persoas máis, un incremento do 16% respecto da actualidade.