Galiza Nova presenta a súa campaña para o 8-M baixo o lema 'Traballadoras galegas en pé'

Mobilización polo 8-M de Galiza Nova en Pontevedra nunha imaxe de arquivo (Foto: Diego Bará).
A campaña dá comezo esta segunda feira, e contará cunha parte exclusiva de redes sociais coas que Galiza Nova pretende visibilizar situacións que “diariamente vivimos as mozas galegas”.

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, vén de lanzar a campaña do 8 de marzo (8-M) baixo o lema ‘Traballadoras galegas en pé. Actuar agora por un futuro digno’ co obxectivo principal de “visibilizar como as mozas galegas sofren as consecuencias da crise actual cunha maior intensidade”.

Pretenden así reivindicar a orixe obreira que caracteriza esta data pondo o foco na “precariedade” e no papel das mulleres traballadoras na “engrenaxe do sistema así como nas formas de loita das mulleres no mundo laboral”.

“As mozas galegas debemos visibilizar como ao custo da vida e á precariedade laboral que vivimos temos que sumar a conciliación coa vida, cos coidados e coas tarefas historicamente socializadas como femininas.” sinalou Erea Blanco, responsábel nacional de Mulleres da organización nacionalosta.

“Debemos falar tamén da necesidade de estar sindicadas e da importancia da loita obreira para a consecución de dereitos para as traballadoras galegas” acrecentou.

A campaña dá comezo esta segunda feira, e contará cunha parte exclusiva de redes sociais coas que Galiza Nova pretende visibilizar situacións que “diariamente vivimos as mozas galegas” mediante infografías que mostran a realidade laboral das mulleres, e unha parte externa con actos e actividades abertas para “dotar de ferramentas as mozas para loitas contra o patriarcado e concienciar da necesidade de mobilizarse e loitar”.

“Foron moitas as loitas que vivimos na Galiza iniciadas por mulleres, mais tamén na actualidade e no noso contexto seguimos atopando fitos referenciais na loita obreira e feminista”, apuntou Blanco.

“É neste punto no que queremos conectar, desde a mocidade nacionalista, coas mozas galegas. Somos moitas as que loitamos polo que debe ser noso, por unha conciliación digna, pola equiparación das categorías salariais e pola destrución dos estereotipos asociados aos traballos historicamente coñecidos como de mulleres” engadiu a responábel.

Finalización da campaña

A campaña culminará o propio día 8-M, Día Internacional da Muller Traballadora, coa participación nas mobilizacións que se convoquen desde o movemento feminista galego.

“Animamos toda a mocidade a participar das actividades da campaña, a coñecer a súa realidade para poder combatela e a saír con nós ás rúas neste vindeiro 8 de marzo” instou Blanco.