Galiza, máis solidaria após tres meses de resistencia palestina contra o xenocidio

Concentración en apoio a Palestina decorrida hoxe en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Varias cidades galegas acollerán este sábado novas manifestacións de apoio á poboación dos territorios ocupados.

A resistencia palestina continúa, dentro e fóra dos territorios ocupados. Após tres meses de oposición e numerosas mobilizacións, a Galiza volveu tomar as rúas esta cuarta feira para denunciar un masacre indiscriminado que non cesa. 

"O xenocidio segue, polo tanto a solidariedade non para". Tampouco durante o Nadal, destacan desde a coordinadora integrada por Mar de Lumes, BDS Galiza, a Asociación Galaico Árabe Jenin e a Asociación Galiza por Palestina, convocantes das concentracións que tiveron lugar en 24 localidades, desde A Coruña ao Val Miñor e desde o Barco de Valdeorras a Viveiro.

"No Nadal interrompéronse as manifestacións semanais, mais organizáronse varias accións simbólicas que mantiveron a Galiza apegada á resistencia Palestina". 

Dinámica solidaria

Esas iniciativas terán continuidade ao tempo que se retoman as mobilizacións periódicas. "Non hai que deixar de falar de Palestina e na Galiza hai unha dinámica solidaria comprometida con esta idea", afirma Óscar Valadares, voceiro de Mar de Lumes .
"Non acreditamos, nin asumimos nin esquecemos a ofensiva de Israel e mentres se manteña, non deixaremos de rexeitala na rúa e de exixirlle aos Gobernos que tomen medidas dunha vez".

Normalizar as relacións con Israel supón negarlle o futuro a Palestina

Así o fixeron na noitiña desta cuarta feira. Ademais de condenar tres meses de bombardeos deliberados contra a poboación civil e contra infraestruturas esencial, centos de manifestantes pediron á Unión Europea que deixe de branquear Israel e a súa política xenocida, ao Estado español que recoñeza por fin o Estado palestino e que rompa relacións con Israel e á Xunta da Galiza que deixe de pórse de perfil, "como se isto non tivese nada que ver con ela, cando xoga un papel crucial como conseguidor para os intereses israelís no noso territorio e iso non se pode normalizar".

Normalizar as relacións con Israel supón negarlle o futuro a Palestina, denuncian desde a coordinadora que mobiliza por xunto a solidariedade galega con Gaza e Cisxordania.

Acción galega

A próxima convocatoria, anunciou, terá lugar en dúas semanas, a cuarta feira 24 de xaneiro. Pero antes, Lugo, Vigo, Compostela e A Coruña, entre outras, acollerán outras accións que miran cara a Palestina. Será este sábado, día 13. O auditorio Gustavo Freire de Lugo será escenario dunha gala solidaria impulsada por Pallasos en Rebeldía. Baixo o título 'Cultura contra a barbarie' contará con música, maxia e teatro.

A un tempo, distintos colectivos preparan unha "homenaxe aos milleiros de persoas palestinas asasinadas polo réxime sionista" baixo os lemas 'Alto ao fogo agora' e 'Stop ao xenocidio en Palestina'. Polo momento hai tes citas confirmadas: na Porta do Sol de Vigo, na praza de Praterías de Compostela e na praza de Lugo da Coruña.