A Galiza gasta en servizos sociais 50 euros menos por persoa ao ano que a media estatal

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro/Europa Press).
O país tamén está por baixo da media en rendas mínimas de inserción

As administracións galegas destinan unha media anual de 398,3 euros por habitante en servizos sociais, case 50 euros menos que a media do Estado.

Así se constata no Índice de Desenvolvemento dos Servizos Sociais, o Índice DEC 2021, presentado esta cuarta feira, que describe a situación dos servizos sociais após o impacto da pandemia.

Gasto en relación ao PIB

O informe apunta a un avance no desembolso (31,3 euros máis por habitante) despois de anos de estancamento que, con todo, non fai que a Galiza supere a media do Estado, que foi de 446,9 euros. En relación ao Produto Interior Bruto (PIB), a Galiza Ggasta 1,82% e aproxímase á media estatal, situada en 1,88%.

O documento apunta que o país presenta un desequilibrio entre o que se considera como 'dereitos de papel', é dicir, a definición do sistema a nivel administrativo e legal; e o seu peso económico, ao contar cunha relevancia "débil" e cunha cobertura de prestacións e servizos "reducida".

Rendas de inserción

A Galiza tamén está por baixo da media en rendas mínimas de inserción, xa que só alcanzan 4,6% das persoas que se encontran por baixo do limiar da pobreza, cinco puntos menos que a media do Estado.

O país tamén ten menos prazas residenciais para idosos (1,92% de cobertura por 2,7% estatal) e presenta unha cuarta parte da media en canto ao servizo de teleasistencia, con 2,7% por 10% de todo o Estado.