Galiza fecha nun Nadal limitado e con distancias

Iluminación de Nadal en Vigo (Foto: Europa Press).
A tendencia epidemiolóxica, que na Galiza se mantén estábel  pero que volve a agravarse a nivel estatal, leva o Ministerio de Sanidade a admitir unha ampliación por territorios das restricións para as celebracións do Nadal. A Xunta xa avanzara, horas antes, unha planificación que endurece as limitacións previstas para o conxunto do Estado, e que pautan que as reunións festivas teñan un máximo de seis persoas adultas, a poder ser conviventes ou procedentes de dous fogares, e que deberán ser as mesmas para todas as festas. 

Comidas, ceas e xuntanzas dun máximo de seis persoas, descontando crianzas menores de 10 anos, e, a poder ser, procedentes dunha única unidade de convivencia. A Xunta deu a coñecer hoxe o seu plan de prevención sanitaria para o Nadal, que restrinxe as reunións sociais máis alá do definido a principios de mes para o conxunto do Estado e que, como se determinou para as comunidades, fecha o territorio galego á mobilidade exterior entre o vindeiro día 23 e o 6 de xaneiro, co obxectivo de diminuír os traslados, que só poderán realizarse por motivos laborais, educativos, sanitarios, de coidados ou para reagrupamento familiar, mais non por turismo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, expuxo pola mañá as chaves do acordado polo seu departamento, en coordinación co comité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia, con base aos datos actuais de incidencia epidemiolóxica, que poderían endurecer aínda máis as normas en caso de empeoramento.

"As medidas son restritivas e estamos pedindo un esforzo importante. Poderían ser  máis drásticas, pero non se me ocorre como, máis que non celebrando as festas", indicou García Comesaña durante a comparecencia, na que pediu "un esforzo no último Nadal sen vacina, para non tiralo todo pola borda".

A limitación, máis estrita do definido a primeiros de mes no consello interterritorial de saúde–que fixaban un máximo de dez persoas nos encontros festivos–, foi avalada pola tarde no seo deste órgano, que acordou permitir aos Gobernos territoriais ampliar as restricións e criterios pautados  en función do avance da pandemia.

Esa "prudencia" está xustificada, segundo manifestou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, pola mañá, para defender as últimas limitacións aplicadas en concellos como o de Compostela e o criterio máis restritivo aplicado as pautas de Nadal.  Neste sentido, apelou á responsabilidade individual fronte comportamentos "preocupantes" en "bares e terrazas". "Ou hai responsabilidade individual ou ningún protocolo será útil", avisou.

Reunións sen rotación

As recomendacións da Xunta, a respecto das reunións durante as festas, chaman a reducir a só persoas conviventes --familiares ou non, segundo apuntou o conselleiro– as celebracións das datas sinaladas, e evitar a rotación dos contactos en función da data, de maneira que as celebración sexan coas mesmas persoas durante todas as festas. 

O plan da Xunta sinala, para o caso de que as xuntanzas congreguen máis dunha unidade de convivencia, ese límite de seis persoas maiores de dez anos, a poder ser de dous grupos familiares, aínda que admite como excepcionalidade maior diversidade dos grupos, atendendo especialmente a persoas maiores ou que viven en soidade. 

"Recomendamos altamente diminuír a interacción a un único grupo de convivencia. Con dous o risco aumenta, aínda que a decisión é persoal", apuntou a doutora Marina Varela, integrante no comité clínico, quen referendou a dureza das limitacións deseñadas, nun momento, dixo,  de "extremado risco" e diante da "previsíbel" terceira vaga da pandemia en xaneiro. Nese sentido, incidiu na redución dos contactos interpersoais e nas recomendacións preventivas: uso de máscara, distancia, hixiene de mans, vixilancia de síntomas e cumprimento, no seu caso, das corentenas e illamentos.  

 

Este é un estrato do tema que publicamos. Se queres saber máis atoparás o contido completo no Nós Diario que agarda no quiosque ou na tenda online. Para futuros despistes, é mellor que te subscribas xa!