Galiza estará fechada de 23 de decembro a 6 de xaneiro e restrinxe as xuntanzas de Nadal a 6 persoas

Rolda de prensa do conselleiro de Sanidade para anunciar as restricións.
O conselleiro de Sanidade presentou o 'Plan Nadal' con medidas de cara a estas datas. 

O conselleiro de Sanidade compareceu esta cuarta feira para explicar as medidas adoptadas a noite anterior polo comité sanitario. García Comesaña informou de que desde outubro tramitáronse 4.480 denuncias por incumprimentos varios, 62 denuncias por mobilidade non permitida,17 por non cumprir o toque de recoller nocturno e 52 por reunións sociais.

Comesaña explicou as medidas adoptadas dentro do Plan Nadal, indicando que é o último nadal "sen vacina". Pediu extremar medidas como levar máscara ou lavar as mans. A seguir, o conselleiro anunciou que Galiza está fechada de 23 decembro a 6 xaneiro. Nese periodo non se poderá entrar ou saír a non ser por motivos xustificados. Un deses motivos serán as visitas a familiares.

O plan de celebración de Nadal deseñado polo comité clínico que asesora á Xunta inclúe como recomendación principal que as celebracións de Nadal limítense a unha "única unidade familiar", e que, no caso de que sexa necesario incorporar a algún membro e tense " que romper por algún motivo" -por exemplo, unha persoa maior que viva soa-, como "máximo" haxa dúas unidades familiares.

O límite que se establece é de seis persoas adultas, sen contar neste caso aos menores de dez anos no cómputo global. "É o último Nadal sen vacina, non o tiremos pola borda", remarcou o conselleiro.

Ademais, Comesaña debullou outras recomendacións: reducir as relacións sociais nos días previos ás reunións para evitar  contaxios, que a mesa da cea  coloque unha persoa, non compartir bebidas, desinfección de mans, reunións ao aire libre de forma preferente e ventilación con xanelas abertas. Pediu tamén  "non facerse trampas ao solitario", é dicir, non pasar o 24 e o 25 cunha unidade familiar e o 31 e o 1 con outra, porque iso supoñería xuntarse varios núcleos de convivencia.

O toque de recoller durante o Nadal seguirá vixente entre as 23:00 e as 6:00 horas agás 2 días: Noiteboa e Noitevella, que será á 1.30. 

Indicou tamén que é obrigatorio cumprimentar o rexistro de viaxeiros e anunciou que se farán probas de antíxenos ou PCR aos estudantes e viaxeiros de zonas de risco que cheguen en Nadal

O toque de recoller durante o Nadal seguirá vixente entre as 23:00 e as 6:00 horas agás 2 días: Noiteboa e Noitevella, que será á 1.30

Comité

Consellaría de Sanidade anunciou que volverá a activarse o fechamento perimetral en Compostela após os datos de contaxios estudados esta tarde. Ademais, baixan as limitacións en seis municipios (Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso) e Ribeira, Bueu e Baiona súmanse ao nivel máximo de medidas contra a Covid-19.

Compostela volverá a estar fechado a entradas e saídas non xustificadas por motivos de traballo, saúde ou educación, dado que se optou por mover o municipio ao nivel medio de afección do virus. Compartirán este nivel as localidades de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Rodeiro, A Illa, Carnota e Fisterra.

As e os especialistas recomendaron á Xunta que se apliquen as prohibicións máis duras nos municipios de Baiona, Bueu e Ribeira, o que podería implicar tamén o fechamento nos límites municipais aínda que non se aclarou.