Galiza estrea esta fin de semana aforamentos ao 100% salvo algunha excepción deportiva e albergues

Un peregrino fai unha fotografía saltando na Catedral de Santiago durante a ponte de San Xosé. Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press
A Xunta suprime as limitacións no lecer infantil e deixa nun 80% o público que pode asistir a eventos deportivos non federados

A Galiza arrinca a penúltima fin de semana de outubro cunha activación de todas as actividades practicamente ao 100 por cen. Desde a hostalaría, até as bibliotecas e museos, pasando polos lugares de culto, centros comerciais e as academias de ensino non regulado, recupérase o máximo de aforamentos permitidos, iso si, coa vixencia das medidas de prevención: máscara, distancia social e ventilación.

"Amplíanse, con carácter xeral, as capacidades máximas permitidas no desenvolvemento de distintas actividades, chegando ao 100 por cen a capacidade máxima establecido, sen prexuízo de especialidades concretas", recolle o DOG bis, publicado este venres ao fío das 20,00 horas, coa normativa que entra en vigor xusto coa fin do estado de emerxencia sanitaria.

 

Unha das novidades é a hostalaría, que amplía aforamentos, reabre barras e suma media hora de horario os venres e sábados

 

Unha das novidades é a hostalaría, que amplía aforamentos, reabre barras e suma media hora de horario os venres e sábados (até as 1,30 horas). O lecer nocturno xeneraliza o uso do certificado covid en todos os pubs e discotecas, obrigación para a que conta con autorización xudicial até o 13 de novembro. Ao tempo, amplía o seu horario, no caso dos pubs (até as 4,30 horas a fin de semana) e as discotecas, toda a semana, até as 5 da madrugada.

Outra das novidades, que reclamaba o sector, é o levantamento das restricións na actividade de lecer infantil. Así, o DOG bis derroga a orde vixente desde o 30 de xuño de 2020, co que o sector ve recuperados as piscinas de bólas e os xogos inchábeis.

Aínda que se xeneraliza o levantamento de restricións, a Xunta segue requirindo medidas como o control de aforamentos --por exemplo en centros comerciais de máis de 2.500 metros cadrados-- e aglomeracións e insta, entre outras cuestións, a manter a prestación de servizos con atención a persoas maiores de 75 anos, como se implementó ao comezo da pandemia.

Os mercados da vía pública tamén recuperan o 100 por cen dos postos autorizados, pero tamén se anima a ampliar os espazos de ocupación e nos espazos infantís, especialmente parques, recoméndase que haxa dispensadores de xel hidroalcohólico ou desinfectantes con actividade viricida, ou ben unha solución xabonosa no caso de espazos para menores de dous anos.

 

As principais excepcións ao 100 por cen de aforamentos danse na actividade deportiva non federada

 

 

Outros aforamentos e excepcións

As principais excepcións ao 100 por cen de aforamentos danse na actividade deportiva non federada. E tamén nas feiras, congresos e actos profesionais, que se poden celebrar cun 100 por cen de aforamento pero permítese "o desprazamento" dos asistentes nos espazos de exposición con "unha capacidade limitada ao 75%".

Mentres que en cinemas, teatros auditorios e espazos similares, pódese desenvolver a actividade ao 100 por cen, o DOG recolle que as celebracións de competicións deportivas terán un máximo do 80 por cento no interior e o 100 por cen en exterior, sempre que o público permaneza sentado.

En celebracións de eventos deportivos e outras actividades deportivas non federadas de carácter organizado como campus deportivos, campamentos deportivos, escolas deportivas ou similares, a celebración de eventos tamén terá un máximo do 80 por cento, sempre que o público estea sentado.

En canto aos albergues, seguen vixentes as últimas normas aprobadas, que tamén requiriron a autorización do TSXG para esixir o certificado covid aos usuarios. Deste xeito, pódense ocupar o 100 por cen dos cuartos cando sexan convivientes ou acrediten que son grupo burbulla ou ao 50 por cento de forma xeral. En todo caso, os cuartos compartidos poderán usarse ao 75 por cento se os establecementos piden a credencial de vacinación, recuperación da covid ou proba negativa para facilitar o acceso, o cal foi sometido a autorización xudicial e ten vixencia até o 30 de outubro.