Fin das limitacións aos encontros sociais

Galiza entra este sábado na 'nova normalidade'

Amplíase a capacidade máxima nas terrazas dos locais hostaleiros a 15 persoas; seis en espazos interiores. (Foto: Arxina).
O toque de recoller e o fechamento perimetral non se aplicarán desde agora a ningún concello. Aliás, Sanidade aumenta a permisividade coas reunións entre non conviventes e alivia as restricións que rexían sobre a hostalaría.

"A situación epidemiolóxica xa non demostra estabilidade, senón unha clara baixada dos indicadores da pandemia". Con estas palabras anunciou nesta cuarta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo —na rolda de prensa posterior á reunión da terza feira do Comité Clínico—, as novas medidas que rexerán o que semella ser a fase final da desescalada na Galiza.

Segundo os últimos datos ofrecidos pola Consellaría de Sanidade, recadados até as 18 horas da terza feira, xusto cando se cumpría un mes do decaemento do estado de alarma, o país rexistrou a cifra máis baixa de casos activos desde o 18 de agosto de 2020, 1.679 (50 menos que un día antes e en descenso por décimo oitava xornada consecutiva), mentres naquela data foran 1.678.

"Estamos igual que en agosto pasado, coa diferenza de que agora temos vacinas", salientou o presidente. De feito, até o momento foi inmunizado coa pauta completa 35,8% da poboación galega (845.086 persoas), mentres máis da metade, en concreto 56,5% (1.335.184), recibiu polo menos unha dose do fármaco. Así mesmo, segundo Sanidade, 96% das e dos maiores de 50 anos xa obtivo a primeira vacina e case 60% é totalmente inmune á Covid-19.

Porén, Núñez Feixoo advertiu que a porcentaxe de persoas vacinadas contra a Covid-19 é aínda insuficiente: "A prudencia acredita que sigamos en situación de emerxencia sanitaria para seguir xestionando a pandemia".

O Sergas "repesca" a quen non acudiron a se vacinar

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a chamar a todas aquelas persoas que, malia seren citadas para se vacinar, non acudiron "por diferentes motivos". Sexa cal for, todas elas son "repescadas" a través dunha nova rolda de citacións que o Sergas realiza ao rematar cun grupo poboacional, priorizando os de maior idade.

Segundo os datos que manexa a Consellaría, 100% das e dos cidadáns maiores de 80 anos foron xa vacinados, polo que o Sergas comeza chamando o 1,3% de persoas entre 70 e 79 que non recibiron o fármaco cando lles correspondía. O rexeitamento da vacina aumenta conforme diminúe a idade do grupo en cuestión, polo que a "repesca" concentraría a poboación máis nova. Núñez Feixoo confiou en citar por esta vía "2o.000 persoas cada semana".

Aliás, esta mesma semana comezou a vacinación do colectivo de entre 40 e 49 anos e a comezos de xullo iniciarase coas persoas de 30 a 39. De forma paralela, calquera cidadán ou cidadá maior de 18 anos poderá solicitar unha cita voluntaria.

Sen toque de recoller nin fechamento perimetral

Nas últimas 24 horas tamén caeron os novos contaxios a 71 (-11), dos cales 68 foron detectados a través das 4.915 probas PCR practicadas, polo que a taxa de positividade fica en 1,4%, por baixo do limiar de 5% recomendado para dar por controlada a pandemia, unha cifra que non se supera desde mediados de febreiro.

Así mesmo, 15 doentes da Covid-19 están a ser atendidas nas UCI do país (+1), ás que hai que sumar as 56 que están internadas en unidades hospitalarias convencionais (-9). E nesta cuarta feira, segundo anunciou o presidente galego, sumouse unha nova vítima mortal ao cómputo global da pandemia, que ascende a 2.428 pasamentos.

Tamén remiten, na recta final do curso escolar, os casos activos nos centros de ensino: 294 (-24), ao tempo que seguen fechadas catro aulas (-3). Aliás, na residencia de maiores Nosa Señora do Carme de Sarria continúa infectado un usuario xa vacinado, "en bo estado", segundo Sanidade.

Galiza, por outra banda, ten unha incidencia acumulada a 7 días de 21 casos por cada 100.000 habitantes, e a 14 días de 51.

Con estes datos sobre a mesa, o Comité Clínico decidiu aliviar de novo as restricións sociosanitarias, cun novo paquete de medidas que entrará en vigor ás 00.00 horas deste sábado e que se publicará no Diario Oficial da Galiza (DOG) á maior brevidade posíbel, segundo dixo Núñez Feixoo. Ao feche desta edición aínda non estaba dispoñíbel o documento.

Así, a partir da fin de semana non haberá ningún concello nos niveis máximo ou alto, o que supón a fin do toque de recoller, o fechamento individual de concellos ou a paralización total da hostalaría.

Maior liberdade para as reunións sociais

As novas directrices afectan especialmente os encontros sociais, que xa non terán limitacións horarias —permítense as reunións entre a 1 e as 6 horas da madrugada— nin de participantes, sexan conviventes ou non, polo que non haberá un número máximo como até o de agora, quer nos domicilios, quer en espazos públicos. "Xa non está prohibido, mais seguimos sen recomendalo", matizou Núñez Feixoo, que aproveitou para facer "un novo chamamento á responsabilidade".

Si se manterá na hostalaría, pola contra, o máximo de seis persoas en espazos interiores e quince nas terrazas. Os locais poderán abrir a 30% da capacidade total no interior e 50% no exterior nos cinco únicos concellos que fican no nivel medio —Mos, Oroso, Soutomaior, Viveiro e Xove—, e de 50% e 75% respectivamente nos municipios restantes, que figuran no nivel máis baixo.

Neste senso, Sanidade non distingue xa no que concirne ás limitacións horarias entre bares, cafetarías, tascas, restaurantes ou outros locais hostaleiros —todos poden abrir agora até a 1 da madrugada—, xa que a única condición é disporen dun contador de CO2 para garantir a calidade do aire. "É o mellor investimento que pode facer un bar", dixo o presidente, en alusión a que poderá ser útil todos os invernos "para saber que é un lugar seguro e evitar o contaxio doutras doenzas como a gripe".

Actividades de lecer Sanidade tamén flexibilizará as restricións para as actividades do tempo de lecer destinadas á cativada e a mocidade. A capacidade máxima será de 70% e permitiranse até 125 asistentes ao aire libre e 50 no interior. Aliás, haberá "grupos burbulla", de até catro persoas en interiores e seis en exteriores, e nas actividades con monitores ou monitoras o máximo será de dez participantes, á marxe do emprazamento.

Os albergues xuvenís operarán a 70% e as tendas de campaña a 50%, mentres os albergues para persoas peregrinas manterán o máximo de 30%, coa excepción dos grupos que se acrediten como "grupo burbulla" asinando unha declaración responsábel, que poderán compartir habitación sen límite de capacidade.

No tocante ao lecer nocturno, o dirixente da Xunta lembrou que esta fin de semana decorrerán senllas probas piloto en seis estabelecementos do país, mais a decisión da apertura "depende do Goberno estatal", que foi o organismo "que o fechou o pasado agosto". Porén, garantiu que o sector volverá operar, "dunha forma ou doutra", a partir do 1 de xullo.

Finalmente, anunciou que o Comité estudará nas vindeiras datas un protocolo para comezar a retirada das máscaras en espazos exteriores, facéndoo por concellos ou agrupacións dos mesmos. Mais esta é unha cuestión de competencia estatal.

Así as cousas, a aprobación desta nova normativa, como xa adiantara Núñez Feixoo a primeira hora, dependía de que o Consello Interterritorial —liderado polo Ministerio de Sanidade— confirmase pola tarde a suspensión do plan de medidas publicado o sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE). O documento acoutaba á hostalaría e as reunións sociais e foi aprobado "sen consenso", segundo censurou na cuarta feira o mandatario galego. Un consenso que, en palabras da ministra, Carolina Darias, "é cada vez máis complicado".

Nova normativa

Noutra orde, Núñez Feixoo adiantou que o Comité Clínico traballará esta semana nunha revisión integral de todos os regulamentos impostos con motivo da pandemia, a fin de actualizar a normativa en todos os ámbitos. De ser posíbel, presentaríase na vindeira reunión das persoas expertas, o 15 de xuño, para que entrase en vigor o sábado 19. En caso contrario, a súa vixencia comezaría o día 26.