sábado 19/06/21

Alivio das restricións: Levántanse as prohibicións entre a 1 e as 6 horas e permítense até 15 persoas en terrazas

“Acabaron as restricións de fechamentos perimetrais, toques de recoller e fechamento da hostalaría”, informou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa en que deu conta do alivio das restricións motivadas pola Covid-19. Unhas medidas que entran en vigor o próximo sábado.

Persoas na terraza dun bar de Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Persoas na terraza dun bar de Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, deu conta na mañá da cuarta feira das decisións adoptadas polo Comité Clínico na xuntanza que mantivo na tarde da terza feira e que supoñen un alivio das restricións motivadas pola pandemia.

Non haberá nin toques de recoller, nin fechamentos perimetrais nin fechamento da hostalaría, segundo trascendera xa na terza feira da reunión do Comité Clínico.

Sen máximo nos encontros sociais, excepto na hostalaría

Feixoo anunciou que fican sen efecto as restricións que impedían a reunión de non conviventes entre a 1 e as 6 horas e que non haberá límites de reunións de persoas, excepto na hostalaría, onde se mantén a limitación de seis persoas nos interiores e onde sobe a 15 persoas en terrazas. Isto poderá implementarse, sinalou, "sempre e cando o Ministerio de Sanidade retire a súa orde".

Bares até a 1 horas con medidores de CO2

Ademais, deu conta da ampliación do horario de apertura dos bares, de 23 horas a 1 horas, mais co mesmo requirimento que o resto de negocios como restaurantes, mesóns e taperías, é dicir, dispor de medidores de CO2 para garantir a calidade do aire. Pediu, a este respecto, comprensión, "estamos convencidos de que vai facilitar a seguridade en todos os bares por pequenos que sexan", apuntou, "é o investimento máis importante para un bar para garantir que é un local seguro".

Máis capacidade nas actividades de lecer

Tamén deu conta da flexibilización de medidas que regulan actividades de lecer para crianzas e mocidade. Así, indicou que a partir do sábado poderán organizarse as citadas actividades até o 70% da capacidade máxima (nestes momentos é do 50%). No caso de actividades en espazos abertos, pásase dun máximo de 50 persoas a un máximo de 125, ademais dos monitores, e en espazos fechados, pásase de 25 persoas a 50 persoas, ademais dos monitores. A respecto dos grupos burbulla, que se sitúan hoxe en catro en interiores e en seis en exteriores, ampliaranse a 10, máis monitores, con independencia que sexan no exterior ou no interior.

Máis capacidade nos albergues xuvenís

En relación aos albergues xuvenís, permitirase un 70% da capacidade máxima sempre e cando se garanta a distancia, e as tendas de campaña poderán ter unha ocupación máxima do 50%.

Os albergues peregrinos seguirán coa capacidade máxima do 30%, excepto en casos en que haxa grupos burbulla, que terán que ser confirmados por unha declaración responsábel asinada.

A respecto do lecer nocturno, afirmou estar pendente do que dite o Goberno estatal, mais asegurou que abrirá o 1 de xullo.

comentarios