Galiza entra na Fase 3: sen franxas horarias e con libre mobilidade

Xente agardando para acceder a un supermercado (Arxina).
Pubs e discotecas terán que agardar a xullo.

Galiza entrou hoxe entrou na fase 3 do desconfinamento como unidade territorial única, o que implica a liberdade de movemento dos galegos e galegas por todo o seu territorio. Ademais, a flexibilización das restricións favorecerá a apertura de bares de lecer nocturno e discotecas, cuxo aforamento, en principio, non poderá superar un terzo do máximo total, aínda que poderá ser modulado pola Xunta.

De acordo coa Orde do Ministerio de Sanidade publicada o sábado no Boletín Oficial do Estado (BOE), Galiza pasa a ser unha única unidade territorial e non as catro provincias, como foi habitual ao longo do proceso de desconfinamiento.

Así, a liberdade de circulación dos galegos e galegas, que foi unha das principais demandas da Xunta e de organizacións como o BNG desde o inicio do proceso de desconfinamento, será posíbel a partir desta segunda feira. De feito, desde hoxe a autoridade competente delegada para a adopción, supresión, modulación e execución das medidas será, en exercicio das súas competencias, "exclusivamente" quen ostente a presidencia da Comunidade.

Ademais, o BOE recolle que os bares de lecer nocturno e as discotecas poderán abrir nas zonas que se incorporan á fase 3, sempre que non se supere un terzo do seu aforamento máximo. Porén, a Xunta decidiu adiar até xullo a apertura destes negocios. Con todo, no caso de que o local teña un espazo destinado a pista de baile ou similar, este poderá ser utilizado para instalar mesas ou agrupacións de mesas, pero non para o seu uso habitual.

Así mesmo, na fase 3 do plan de desconfinamento poderá procederse á apertura ao público dos establecementos de hostalaría e restauración para consumo no local sempre que non se supere o 50% do seu aforamento.

Tamén estará permitido o consumo en barra sempre que se garanta unha separación mínima de dous metros entre clientes ou, no seu caso, grupos de clientes, similar á distancia que se establece entre mesas, á vez que as terrazas ao aire libre poderán ser ocupadas até 75% da súa capacidade --aínda que a Xunta poderá modulalo--.

Locais de xogo

Doutra banda, a Orde publicada no BOE establece o aforamento máximo permitido nos locais de xogo e apostas en 50% na fase 3.

Segundo recolle a Orde, aqueles materiais que sexan fornecidos aos usuarios durante o desenvolvemento da actividade e que sexan de uso compartido deberán ser desinfectados despois de cada uso.

Transporte

Tamén a partir desta segunda feira na Galiza, todos os autobuses e trens públicos ou privados, tanto urbanos como interurbanos, poderán usar a totalidade dos seus asentos dispoñibles.

En todo caso, a Orde ministerial precisa que cando o nivel de ocupación o permita, procurarase a máxima separación entre os usuarios.

Así mesmo, indica que nos transportes públicos colectivos de viaxeiros de ámbito urbano e periurbano, nos que existan plataformas habilitadas para o transporte de viaxeiros de pé, tamén poderán ocuparse a totalidade das prazas sentadas, e manterase unha referencia de ocupación de dous usuarios por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé, debendo procurarse, en todo caso, a maior separación entre os pasaxeiros.

Vehículos privados

Por outra banda, o BOE establece tamén que nos transportes privados particulares en vehículos de até nove prazas, incluído o condutor, poderán viaxar tantas persoas como prazas teña o vehículo, sempre que todas residan no mesmo domicilio.

Cando non todas convivan no mesmo domicilio, poderán desprazarse dúas persoas por cada fila de asentos, sempre que respecten a máxima distancia posible entre os ocupantes.

Sen franxas horarias

Na Fase 3 do desconfinamento desaparecen por completo as franxas horarias e os encontros poderán ser de até 20 persoas, sempre mantendo a distancia de seguridade de 2 metros ou empregando as máscaras de protección.

Xa poderán realizarse actividades de tempo libre entre a poboación infantil e xuvenil en ludotecas cun máximo de 80 persoas en locais fechados e de 200 ao aire libre, incluídos en ambos casos os monitores ou monitoras.

Tamén poderán reabrir os centros recreativos turísticos como os parques de atraccións, zoos e acuarios. Mais só se permitirá entrar ao 50% da capacidade ao aire libre e do 30% en espazos fechados.

Piscinas até o 30%

Na Fase 3 poderase empregar as piscinas para realizar deporte individual ou con dúas persoas, mantendo a distancia de dous metros. Ademais, cando a piscina se divida por canles de entenamento haberá sistemas para controlar e evitar as acumulacións para respectar sempre o límite do 30% de capacidade

As vodas, bautizos e comunións amplían até o 75% a súa capacidade cun máximo de 75 persoas en lugares fechados e de 150 en sitios abertos.

Así mesmo, os velorios será de até 25 persoas en recintos fechados e 50 nos abertos.