QUEDA DEMOGRÁFICA: O CENSO CAE EN 14 MIL GALEG@S EN 2014

216 concellos: máis persoas xubiladas que mozas

Os dados do IGE reflicten un descenso poboacional de máis de 14 mil persoas en 2014, máis persoas xubiladas que mozas en 216 concellos e máis de 3 mil núcleos poboacionais con menos de dous habitantes ou ningún. 

 

O Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos as cifras de poboación correspondentes ao 1 de xaneiro de 2014. Os dados deixan en evidencia os principais tazos da crise demográfica que atinxe Galiza. 

Segundo o IGE, no noso país había a comezos do pasado ano 2.747.226 habitantes. Isto é, o censo poboacional reduciuse en 14.744 persoas a respecto do ano anterior. Neste senso, de acordo cos dados fornecidos polo mesmo organismo, en Galiza faleceron en 2013 30.433 persoas e só naceron 19.727.

O censo poboacional reduciuse en 14.744 persoas con respecto ao 2013

Este feito sitúa o noso país cun saldo vexetativo negativo --unha tendencia que se mantén desde 1986. En comparanza cos demais territorios do Estado español Galiza encabeza o ránking con -10.706. Unha cifra substancialmente superior á segunda comunidade, Castela e León (-9.680) e radicalmente inversa á de lugares como Catalunya (10.784) ou Madrid (22.950). 

Desde esta perspectiva fica en evidencia que a poboación galega se caracteriza por un forte avellentamento, como reflicte a súa pirámide poboacional. A 1 de xaneiro de 2014 e, segundo o IGE, 216 concellos galegos --dun total de 314 após a fusión de Oza e Cesuras-- posúen unha maior porcentaxe de poboación con máis de 65 anos do que de menores de 19. Este feito tradúcese nunha pirámide invertida que camiña en dirección completamente oposta á dun país saudábel en termos demográficos. 

((Preme na gráfica para despregar))

Esta tendencia reprodúcese e faise máis aguda no interior das provincias de Ourense e Lugo, no entanto, non é exclusiva do rural nen do interior do país. Das sete cidades galegas tan só Pontevedra posúe unha pirámide cunha base --infancia e mocidade-- máis ancha que o cumio --como tamén acontece en localidades próximas á Coruña. En total, só 21 municipios galegos contan cunha poboación moza que garanta, en termos económicos, o benestar ás xeracións que @s precederon. 

En Galiza hai máis de 3 mil lugares despoboados ou en risco de o estaren de xeito inminente

Entre 2003 e 2013 --os últimos dados comparados polo IGE-- a cifra de habitantes con menos de 20 anos pasou do 17,10% ao 15,80%. Entrementres, a poboación maior de 65 anos continuou en ascenso do 21,30% ao 23,10%. 

O avellentamento carrexa, inevitabelmente, o despoboamento poboacional de Galiza. Segundo os dados recompilados polo analista Carlos Neira através do INE, e cos que elaborou un mapa interactivo, no 2013 en Galiza existían "máis de 3.000 lugares despoboados ou en risco de o estaren de xeito inminente (menos de 3 habitantes)". No concreto, 3.679 núcleos de poboación "case un 10% das entidades singulares de poboación de Galiza" entre os que 1.547 non contan con ningún habitante; 838 só cunha persoa e 1.093 con dúas. Os 201 lugares restantes careceron de persoa algunha nalgún intre ao longo dos últimos 15 anos.