DOLORES PUGA, DEMóGRAFA

"O avellentamento poboacional non mudará se non logramos frear a emigración"

[Imaxe Projecto Troika]

A investigadora do CSIC, Dolores Puga, participa este sábado nas xornadas 35 anos de autonomía, como nos foi? organizadas pola Fundación Galiza Sempre. 

 

Con motivo da súa visita a Galiza, a súa terra, para participar nas xornadas organizadas pola Fundación Galiza Sempre o sábado 13 en Lugo, conversamos con Dolores Puga, profesora e investigadora do CSIC. Demógrafa especialista no estudo das persoas idosas coñece polo miúdo a realidade poboacional galega. Da súa man afondamos nas particularidades demográficas do noso país e os grandes retos que, neste senso, debemos afrontar. De antemán avanza que o camiño deseñado pola Xunta de Galiza "non reverterá" o proceso de avellentamento poboacional pois as políticas públicas, afirma, deben centrarse "nas posibilidades" da mocidade para quedar no país. "Perdemos xente moza por dúas vías: a que emigra e as súas potenciais crianzas", salienta. 

O avellentamento poboacional e a baixa natalidade son dous aspectos que caracterizan demograficamente a Europa Occidental mais, que trazos marcan a particularidade galega?
O avellentamento demográfico é un proceso que está a acontecer en todas as poboacións do mundo. É máis intenso en Europa por ter comezado a transición demográfica --o proceso de modernización poboacional-- moito antes, porén é algo que ocorre a nivel mundial. A particularidade de Galiza non é o avellentamento en si propio senón a velocidade coa que se está a producir debido á elevada emigración. Acadamos fitos de avellentamento moito máis axiña do que outras poboacións onde poderían tardar décadas. Isto exixiría un proceso de adaptación a esta nova realidade social moito máis rápido pois supón un reto social ao exixir adaptar todas as estruturas da sociedade. 

"A particularidade de Galiza non é o avellentamento en si propio senón a velocidade coa que se está a producir"

Nese senso, incide máis o aspecto económico que a falta de nacementos? 
A emigración é o acelerador máis potente do avellentamento. Perdemos xente moza por unha dupla vía: a xente que emigra e as crianzas en potencia destas persoas, é dicir, nacementas. Se ollamos as 30 rexións máis avellentadas de Europa están todas na Alemaña do leste, no norte de Italia por mor da caída da natalidade --unha das máis drásticas do mundo-- e , no Estado español, Galiza, Asturies e Castela-León. Sendo Galiza a que máis está avellentando. Ese é o trazo fundamental. Se ollamos a pirámide poboacional de Lugo hai 20 anos xa estaba máis avellentada que a pirámide española actual. Segundo os dados do INE o proximo ano no Estado español o número de defuncións superará por vez primeira o número de nacementos. Iso acontece en Galiza desde 1986. Iso débese a que foi unha poboación altamente emigratoria durante a maior parte do século XX. 

"Non se producirá en ningunha poboación do mundo unha volta atrás. Non imos volver ter 5 fillos por muller, é algo impensábel"

Porén, as políticas institucionais diríxense a incentivar a natalidade...
Non é o camiño a seguir, nomeadamente en termos de dinámica demográfica pois Galiza padece unha emigración permanente e volve a aumentar agora a súa intensidade. Neste contexto vai dar igual o número de crianzas por muller. Non podemos agardar un miragre habida conta do proceso de transición demográfica, desa modernización poboacional. Non se producirá en ningunha poboación do mundo unha volta atrás. Non imos volver ter 5 fillos por muller, é algo impensábel. Pode incrementarse un pouco, unhas décimas, como aconteceu nos países nórdicos, mais iso non reverterá nen desacelerará --nen sequera un pouco-- o proceso de avellentamento se non logramos reter a poboación nova, frear a emigración e mesmo atraer poboación [inmigración]. O importante é traballar sobre as posibilidades para quedar no país da mocidade. Iso axudará a que o proceso de avellentamento se suavice, como acontece noutras poboacións. 

Os teus estudos céntranse nas persoas idosas, entre outros asuntos, vivimos máis porén, como vivimos?

"A maior parte dos servizos sociais e sanitarios están nas áreas metropolitanas porén a maior parte da poboación que os necesita non está nesas zonas. Sitúanse onde é máis doado poñelos non onde máis se precisan"


Galiza é un caso moi interesante porque nalgunhas zonas do país rexístranse algunhas das esperanzas de vida máis altas do Estado español e do mundo após Xapón, sobre todo das mulleres. Porén, cando se cartografía o mapa da esperanza de vida en saúde reflíctese xustamente o contrario. Salientan as áreas metropolitanas e non as zonas máis montañosas e illadas da Galiza central e meridional --onde se atopan esas cifras máis elevadas. O que está véndose afectada é a accesibilidade aos servizos públicos debido á falta de planificación, tendo en conta a realidade demográfica do territorio. A maior parte dos servizos sociais e sanitarios están nas áreas metropolitanas porén a maior parte da poboación que os necesita non está nesas zonas. Sitúanse onde é máis doado poñelos non onde máis se precisan. E isto resulta na perda dun enorme potencial que é o de termos unha vida con calidade. Iso é outro reto que fai parte do proceso de adaptación á realidade social que non se está emprendendo embora deberamos enfrontar xa pois a realidade está a mudar moi rapidamente. 

O goberno galego está a facer máis ben o contrario, desmantelando os servizos públicos nesas zonas rurais menos poboadas e cunha esperanza de vida maior...
Si, por suposto. O que habería que facer é pór o acento naquelas zonas onde existe un elevado índice de concentración xeracional. Hai áreas do rural galego onde só viven persoas idosas. Igual que hai áreas naturais protexidas debera haber áreas sociais protexidas. Son áreas especialmente fráxiles e precisan dunha grande atención por ter a súa poboación un menor acceso aos recursos. Mais non é aí onde se poñen os recursos e mesmo se están a desmantelar.