HISTORIAS DE BEA, CARMEN, PAULA E SUSANA

Entre a emigración e a precariedade, as opcións laborais da mocidade galega

[Imaxe de arquivo]

Prácticas non remuneradas, traballos por horas ou a fuxida ao estranxeiro que, nalgúns casos, xa viviron seus pais son os trazos dunha xeración que foca a atención dos dados da EPA. 

 

A ministra de traballo española, Fátima Báñez, afanábase na súa visita a Galiza en darlle xabrón ao presidente da Xunta. Báñez loubou perante os medios de comunicación o traballo desenvolvido polo goberno de Alberto Núñez Feijóo na redución do número de moz@s no desemprego. 

Segundo os dados da EPA publicados o 22 de xaneiro e relativos ao cuarto trimestre de 2014, en Galiza 113.800 persoas entre 16 e 29 anos están ocupadas e 65.000 paradas. Cifras que teñen mellorado a respeito do período anterior --terceiro trimestre-- no que máis de 71 mil moz@s non tiñan traballo. 

Uns dados que aledan a faciana de responsábeis políticos mais dos que poden tirarse diversas conclusións. Desde as organizacións sindicais alertan da perda de poboación que recolle a Enquisa de Poboación Activa (EPA). Neste senso, a CIG afirma que en 2014 o noso país perdeu 24.600 persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 34 anos, só nun trimestre, 16.800. 

Para a central sindical nacionalista, este feito evidencia que as políticas do Partido Popular "están a provocar a expulsión de miles de persoas", que, no entanto, desde o PP atribúen á xubilación dunha "poboación cada vez máis envellecida". 

Porén, que hai detrás das cifras da EPA? 
Cales son as historias que agochan eses dados? 

Bea é licenciada en Ciencias Políticas. No ano 2011 rematou a carreira e deciciu estudar un mestrado. "Após acabalo fixen máis cursos e só me ofreceron prácticas non remuneradas que aceptei para adquirir experiencia", explica. Ao igual que ela Carmen, licenciada en dereito e estudante do mesmo mestrado que Bea, tamén traballou sen percibir salario logo de rematar os seus estudos universitarios. 

"Mentres fun estudante traballei os veráns como axente de turismo na miña localidade, cobraba 500 euros ao mes por unha xornada que superaba as 60 horas semanais"

"Mentres fun estudante traballei os veráns como axente de turismo na miña localidade, cobraba 500 euros ao mes por unha xornada que superaba as 60 horas semanais, aínda que no contrato puña 30h", subliña. "Despois de rematar a carreira e mentres estudaba o mestrado traballei como pasante nunha notaría e dous despachos de avogados, onde non me pagaban", explica. "Aínda non entendo cal é a razón para que os meus xefes non me pagasen cando todas as súas empresas tiñan recoñecida solvencia económica", acrecenta. 

Perante esta situación ambas as dúas decidiron continuar estudando. "Estou facendo o meu segundo mestrado, esta vez on-line, preparando o Advance [inglés] e aforrando para irme no verán a Edimburgo", afirma Bea. Pola súa banda, Carme matriculouse nun segundo mestrado --no que se coñeceron estas dúas rapazas-- "e agora estou co doutorado". 

"Traballei nunha empresa de informática. O contrato era de 4 horas semanais polas que percibía 100 euros ao mes"

Xornada completa sen salario, "só comisión"

Ao igual que elas, Paula conta tamén con estudos universitarios. É licenciada en Comunicación Audiovisual e ten un mestrado. Ao rematar comezou a procurar traballo. Corría o ano 2012. Após meses presentando o seu currículo en diversas empresas do país foi contratada por unha empresa informática como deseñadora. "O contrato era de 4 horas semanais" polas que percibía "100 euros ao mes". Logo de varios meses adebedados decidiu deixar o traballo. 

Todas elas coinciden en sinalar que as ofertas laborais ás que está a acceder a mocidade galega son "prácticas non remuneradas" ou "traballos como comercial". Paula coñece ben as consecuencias destes postos de traballo. "Xornada completa de luns a venres sen soldo fixo, só cunha comisión" por cada venda formalizada. "Só estiven un día", afirma. 

"Son consciente de cal é a situación e de que debo adaptarme mais négome a crer que ningunha empresa, organización ou despacho poida pagar un soldo digno"

"Son consciente de cal é a situación e de que debo adaptarme mais négome a crer que ningunha empresa, organización ou despacho poida pagar un soldo digno", asevera Carmen. As tres apuntan cara á emigración como un futuro certo. 

"Malia a miña formación académica os únicos traballos aos que podo acceder son aqueles que non precisan cualificación", sinala Bea. A súa experiencia laboral --rexistrada como tal na Seguridade Social-- son "20 horas á semana nunha tenda de roupa" a cambio dun salario de "399 euros ao mes". Foi contratada como reforzo durante o período de Nadal e, ao igua que Paula, representaron dúas persoas menos nas listaxes do paro no último trimestre. 

"Prefiro marchar e aprender un idioma, polo menos", apunta Bea coa ollada posta en Edimburgo. Coma ela, Carme asegura que após rematar o doutorado "marcharei fóra buscar o que sexa" pois, "embora os traballos non estaren moi ben pagados, cando menos aprenderei un idioma", di. 

Londres: traballar 8 horas a 6,5€

O camiño que están a piques de encetar estas tres mulleres xa o percorreu Susana. Licenciada en Ciencias Políticas e cun mestrado vive en Londres desde hai nove meses. 

"É o paradoxo da nosa xeración: estudar para optar a un futuro onde poder atopar unha profesión que nos poida encher e rematar de camareiros ou repoñendo roupa", escribe desde unha das cidades que máis persoas está a recibir desde o estourido da crise. 

"É o paradoxo da nosa xeración: estudar para optar a un futuro onde poder atopar unha profesión que nos poida encher e rematar de camareiros ou repoñendo roupa"

A súa historia repítese de xeración en xeración. Seus país emigraron a Suíza hai máis de dúas décadas. Tras deles marcharía o primeiro fillo, varias ducias de anos despois "arruinado logo do estoupido da burbulla inmobiliaria e con miles de euros sen cobrar", conta. "Unha deixa de sorprenderse, sendo xa a cuarta xeración na miña familia que intenta gardar a maior parte das súas cousas nun par de maletas para facerse “ó mundo arriba”, tal como dicimos na miña casa", relata. 

Con "ilusión" asegura, colleu o avión e marchou para Londres decidida a "cobrar ese salario de 1.000 tan mal visto na etapa de Zapatero e poder, ao mesmo tempo, reforzar un idioma e aprender dunha nova cultura". Actualmente traballa nunha empresa de comida rápida mais "saudábel". Nun posto de traballo onde cobra por horas "teño sorte", di, "cobro entre 7h e 8h ao día normalmente", explica. "Algúns ás veces teñen que apandar con horarios de 6 horas". 

Pola súa xornada percibe "6,50 euros a hora". Un salario que di é "un chiste se pensamos que o aluguer dunha habitación individual rolda os 500 euros". 

Susana racha coa idea bucólica da emigración no século XXI e as condicións laborais que narra semellan ás das xeracións que a precederon. "Correr. Ese é o único que se fai en toda a xornada. Tes un tempo limitado para facer centos de cousas, o xefe pídecho". Cando xa estás acostumada, asegura, "cando xa podes manexar esa cantidade de traballo esixido pídenche unha hora menos. Por qué non? Se es capaz de facelo en 3 horas, tamén o podes facer en 2h e media, ou quizás en 2h. Porque canto máis das, máis che esixen".