Covid: Galiza cumplirá a orde do Estado malia rexeitar a súa aprobación

Feixoo, hoxe, após o Consello da Xunta. (Foto: David Cabezón / Xunta)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, afirmou hoxe que seguirán os criterios do Goberno do estado español. No entanto, advertiu de que estaban pensados para unha autonomía en concreto e de que están "improvisados".

Galiza acatará a orde do Ministerio de Sanidade que indica que a mobilidade será restrinxida naqueles municipios de máis de 100.000 habitantes cando se detecte que hai máis de 500 positivos por coronavirus. Así o manifestou esta quinta feira o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, que insistiu en que non comparten os criterios por ser “improvisados”.

Ao tempo que Sanidade avanza para impoñer a nova norma para limitar a mobilidade nos grandes municipios do Estado español, a Xunta da Galiza vén a confirmar o que xa auguraba onte o ministro Salvador Illa. En principio ninguén vai obviar a orde malia que votase en contra dela.

Polo momento, desde o país xa se comunicou que se acatarán os parámetros impostos desde Madrid malia que, para Feixoo, as cuestións que se teñen en conta son “improvisadas”, “incompletas” e foron “diseñadas” concretamente para Madrid e non para exportar a outros territorios.

Se onte a Consellaría de Sanidade xa defendía que a súa estratexia de control, que ten en conta un comité de persoas expertas, era moito máis estruturada e estudada, o presidente da Xunta da Galiza insistiu após o Consello que os “criterios son máis complexos” para tomar decisións.

De feito, agarda non ter que facer uso da norma do ministerio en ningún momento, pois prevé que os contaxios non cheguen a eses niveis sen tomar algunha decisión de control. “Non miden de forma específica e concreta o problema”.

Outra das críticas, que xa era vox populi esta cuarta feira, é que o borrador que se someteu a votación onte era un acordo ao que se chegou de xeito “bilateral” coa Comunidade de Madrid un día antes. Feixoo incidiu en que o sistema do Sergas é “máis complexo” desde o “punto de vista sanitario” do que parecen entender no Executivo de Pedro Sánchez.

A pesar deste recordo, negouse a opinar da postura levada adiante pola presidenta de Madrid, a popular Isabel Díaz Ayuso.