Covid: Simón xustifica a falta de concreción nas medidas prohibitivas pola “urxencia”

Fernando Simón na rolda de prensa de hoxe. (Foto: J. Hellín / Europa Press)
O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, asegura que os equipos científicos xa están a traballar en análisis para control unha expansión do virus menor aos 500 casos activos por cada 100.000 habitantes.

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, defendeu das críticas a orde do Ministerio de Sanidade para limitar a mobilidade nos concellos de máis de 100.000 habitantes cando se detecten 500 casos activos de coronavirus.

Algúns Gobernos como o da Xunta recoñeceron que van acatar a norma pero que non é o suficientemente completa. Neste sentido, Simón alegou que se está a falar dunha “medida urxente” e que os equipos científicos xa traballan “en novos criterios”.

“Os criterios da orde definen unha situación moi problemática en territorios moi concretos nun momento moi particular, o obxectivo non é baixar dos 500 casos, senón dos 50 casos por 10.000 habitantes”, destacou.

Malia o que reclamou a Consellaría de Sanidade para estabelecer criterios máis concretos e de maior control e seguridade, semella que os parámetros que están pensando recomendar “son máis comúns e non tan excepcionais”.

“O obxectivo é crear un marco común”, subliñou o representante do Executivo do estado español, se ben iso é o que reprocharon algunhas autonomías porque a norma está fundamentalmente pensada, din, para a Comunidade de Madrid.

“Os criterios que se van propoñer son para situacións moi por debaixo dos 500 casos por cada 100.000 habitantes, de moi alto risco, pero por debaixo e é aí onde a situación municipal terá que valorarse e as comunidades terán que facer as valoracións territoriais que consideren oportunas”, aclarou.

A respecto da evolución da Covid-19 e dos contaxios, Simón recoñeceu que “non é boa” dado que, aínda que “non é moi aguda”, continúa en ascenso.