A Galiza continúa por riba dos 200 positivos diarios por Covid-19

Test de Covid-19. (Foto: Okrasiuk)

A Galiza mantense por riba dos 200 positivos novos por Covid-19 en 24 horas e continúa aumentando os casos activos, mentres que diminúen os pacientes hospitalizados no país.

Segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade, con cifras das 18 horas desta segunda feira, na Galiza hai xa 2.035 casos activos de Covid-19, un total de 26 máis que o día anterior, e detectáronse en 24 horas 205 contaxios, 13 por encima da última cifra. Da mesma maneira, a Xunta informa de que o total de falecidos é de 3.926, un máis que no último informe.

Pola contra, a cifra de persoas hospitalizadas experimentou neste último boletín un descenso, até os 134 pacientes -15 menos-, con 130 en planta e catro en coidados intensivos.

Por áreas sanitarias, a que experimentou un maior descenso foi a de Ourense, que pasou de 17 pacientes en planta e un na UCI a 10 doentes en hospitalización convencional e un en coidados intensivos. Tamén diminuíron as hospitalizacións en Vigo -12 en planta- e na Coruña -46 en planta e un na UCI-.

Pola súa parte, a área de Pontevedra continúa con 22 positivos en Covid-19 en hospitalización convencional e un en coidados intensivos, e Ferrol mantén a cifra, aínda que cambia a distribución: 11 pacientes en planta e un na UCI, que ate esta sexta feira permanecía sen casos de coronavirus.

Ademais, as persoas hospitalizados aumentaron na área de Santiago -17 en planta- e na área de Lugo -12 en planta-.

A Coruña é a área con máis positivos

En relación aos novos casos positivos en 24 horas, a área con maior cifra foi a da Coruña, con 45, seguida da de Pontevedra, que pasou de 13 até 34. A área sanitaria de Ourense rexistrou 30 contaxios e as de Lugo, Vigo e Santiago sumaron 28 cada unha. En Ferrol detectáronse 12 novos casos.

Pola súa parte, a área con máis casos activos segue sendo a da Coruña, con 460, seguida de Ourense, con 354, e a de Santiago, con 341. Na área de Vigo hai 272 casos activos, 228 na de Lugo e 227 na de Pontevedra-O Salnés. A área con menos casos segue sendo Ferrol, con 151.

Desde o inicio da pandemia, resultaron contaxiadas na Galiza 680.209 persoas e superaron a enfermidade 674.357.