Segundo os datos publicados pola Consellaría de Sanidade, con cifras das 18 horas desta segunda feira, na Galiza hai xa 2.035 casos activos de Covid-19, un total de 26 máis que o día anterior, e detectáronse en 24 horas 205 contaxios, 13 por encima da última cifra. Da mesma maneira, a Xunta informa de que o total de falecidos é de 3.926, un máis que no último informe.
Pola contra, a cifra de persoas hospitalizadas experimentou neste último boletín un descenso, até os 134 pacientes -15 menos-, con 130 en planta e catro en coidados intensivos.
Por áreas sanitarias, a que experimentou un maior descenso foi a de Ourense, que pasou de 17 pacientes en planta e un na UCI a 10 doentes en hospitalización convencional e un en coidados intensivos. Tamén diminuíron as hospitalizacións en Vigo -12 en planta- e na Coruña -46 en planta e un na UCI-.
Pola súa parte, a área de Pontevedra continúa con 22 positivos en Covid-19 en hospitalización convencional e un en coidados intensivos, e Ferrol mantén a cifra, aínda que cambia a distribución: 11 pacientes en planta e un na UCI, que ate esta sexta feira permanecía sen casos de coronavirus.
Ademais, as persoas hospitalizados aumentaron na área de Santiago -17 en planta- e na área de Lugo -12 en planta-.
A Coruña é a área con máis positivos
En relación aos novos casos positivos en 24 horas, a área con maior cifra foi a da Coruña, con 45, seguida da de Pontevedra, que pasou de 13 até 34. A área sanitaria de Ourense rexistrou 30 contaxios e as de Lugo, Vigo e Santiago sumaron 28 cada unha. En Ferrol detectáronse 12 novos casos.
Pola súa parte, a área con máis casos activos segue sendo a da Coruña, con 460, seguida de Ourense, con 354, e a de Santiago, con 341. Na área de Vigo hai 272 casos activos, 228 na de Lugo e 227 na de Pontevedra-O Salnés. A área con menos casos segue sendo Ferrol, con 151.
Desde o inicio da pandemia, resultaron contaxiadas na Galiza 680.209 persoas e superaron a enfermidade 674.357.