Comezan as conmemoracións polo Día do Pobo Xitano

Na dereita, Eva Vera e Martina Aneiros, na mostra desta terza feira. (Foto: Xunta da Galiza)
Os actos comezaron esta segunda feira en Ferrol coa mostra 'Lección Xitana'.

Actualmente na Galiza hai 13.000 persoas xitanas distribuídas por todo o país. Principalmente están concentradas nas sete cidades, sobre todo en Vigo e na Coruña. A Fundación Secretariado Xitano ten convenios coas urbes galegas  así como con distintos concellos para levar a cabo actuacións de inclusión social da comunidade.

Ao longo desta semana, a Galiza acollerá diversos actos para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano, unha xornada de loita contra os prexuízos e a discriminación e que decorrerá o sábado 8 de abril.

Os eventos conmemorativos comezaron hoxe en Ferrol coa inauguración da exposición "Lección Xitana", na que participaron a directora territorial da Galiza da Fundación Secretariado Xitano (FSX), Eva Vera, e a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros.

Esta mostra, promovida pola FSX, e que poderá visitarse na Delegación Territorial da Xunta na cidade naval, está composta por 50 paneis explicativos que teñen como obxectivo "cambiar a visión que se ten do pobo xitano e ofrecer unha mirada máis xusta e realista, sen prexuízos nin discriminación", manifestou Aneiros.

A delegada territorial en Ferrol avogou pola activación de medidas inclusivas como mellor arma para loitar contra a discriminación que sufre este colectivo. Así, ofreceu "unha mirada optimista" que exemplificou no caso de José Jiménez, o primeiro policía local xitano da Galiza, que hai unhas semanas tomaba posesión da praza tras completar a súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública, na Estrada.

Neste acto, ao que tamén asistiron a xefa territorial da Consellaría de Política Social e Xuventude, María Blanco Aller, finalizou coa lectura dunha declaración institucional aprobada con motivo do Día Internacional do Pobo Xitano.