Galiza, á cola da reciclaxe por Sogama

Vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa (Cerceda), propiedade de Sogama, que sufriu varias ampliacións. (Foto: Sogama)
A Galiza está entre os últimos territorios do Estado a nivel de reciclaxe, así como na produción de compost e no aproveitamento do refugallo que se tira mesturado no contedor verde, e boa parte da responsabilidade é de Sogama, a empresa con maioría pública que xestiona o 80% do lixo do país.

O obxectivo marcado pola Directiva de residuos da Unión Europea (UE) é que os Estados membros reciclen ou reutilicen cando menos o 55% dos residuos municipais en 2025. Baseado nesa norma, a Lei de residuos e chans contaminados estatal fixa que en 2020 o 50% tiñan que ser reciclados.

Así e todo, non só se incumpriu a lexislación senón que as cifras se atopan aínda moi lonxe, no 36% no Estado, coa Galiza no grupo de cola, sendo quen de reciclar arredor do 20% do 1.144.762 toneladas de lixo non industrial que se produce ao ano, segundo recolle a Memoria anual de xeración e xestión de residuos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de 2018, o último que foi publicado. Só Melilla, Ceuta e Asturies reciclan unha porcentaxe menor dos seus desperdicios.

Incluso ese dato “é grazas a que se toma en conta o conxunto do país”, explica Fins Eirexas, secretario técnico da Asociación pola Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), con plantas como a de Nostián (A Coruña) ou Lousame (comarca de Noia), que “tiran arriba e maquillan un pouco as cifras, Sogama é a auténtica rémora”.

Por Sogama "estaríamos de últimos"

A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), na que o 51% das accións pertencen á Xunta da Galiza e o 49% a Naturgy, xestiona o 80% dos residuos da poboación galega, e se fose por eles, “estaríamos de últimos”, incide Eirexas, que sitúa no 3% a taxa de reciclaxe da empresa por distintos documentos que se fixeron públicos, mais apunta que é unha estimación por mor de que desde 2016 non se publica a memoria anual. Nese último documento, recoñece a sociedade que só 3 de cada 100 quilogramos que entran acaban reciclados.

Moi por baixo de Nostián e Lousame

Sumando o contedor amarelo de Ecoembes, “unha multinacional dos produtores de envases”, a porcentaxe pode acadar o 8%. Porén, “a pesar dos distintos problemas” que sofren esas instalacións, na planta de Nostián a taxa de reciclaxe localízase entre o 15% e o 18%, e na de Lousame entre 32% e 34%.

Pola contra, Sogama “nunca quixo saber nada da separación en orixe nin da compostaxe”, incide, limitándose a cobrar “a prezo de ouro” o transporte e xestión do lixo para despois “queimalo e tiralo, que é o tratamento máis barato de todos en lugar de reciclalo, ese é o truco”.

Mesmo no tocante á incineración, o beneficio é discutíbel. A Galiza é o segundo territorio do Estado, logo de Catalunya, que máis refugallo incinera, 533.699 toneladas, o 46% dos residuos non industriais do país, para alimentar unha termoeléctrica que pode chegar a producir até 50 MW no Complexo Medioambiental de Cerceda.

Baixo rendemento da incineración

A pesar dos altos prezos da electricidade no mercado, o proceso de incineración precisa secar os residuos, antes de queimalos, con gas natural -subministrado por Naturgy, que obtén así unha garantía de beneficios-, co gallo de que aproximadamente a metade do procedente do contedor verde é materia orgánica. A suba no valor do gas natural, que lidera a alza do incremento no prezo da enerxía, volve menos lucrativo o proceso.

A raíz das regulacións cada vez máis estritas da UE en materia de reciclaxe comezaron a aparecer iniciativas para respectar “sobre o papel” as normativas comunitarias, o que obrigou Sogama, con máis énfase desde a aparición dos fondos Next Generation, apunta Eirexas, a impulsar a produción de compost.

Aínda así, dous millóns e medio de euros en investimentos nunha planta de compostaxe en Cerceda non serviron para producir nin un quilo de fertilizante, segundo recoñeceu hai uns meses a empresa. O representante de Adega abunda en que isto é debido á negativa a apostar por parques de compostaxe comarcais e descentralizados, e máis por unha xestión de composteiros como a que financia hai anos a Deputación de Pontevedra.

A falta de compromiso da xestora maioritaria do lixo con estes sistemas provoca que entre os territorios que contan con plantas de compostaxe apenas a Comunidade de Madrid e as Illes Balears teñan unha menor porcentaxe de aproveitamento neste eido que a Galiza, e outro tanto coa reciclaxe de material procedente de residuos mesturados -a principal tarefa de Sogama-, onde está quinta pola cola.
Tamén no que atinxe aos residuos industriais no conxunto do Estado, a Galiza ocupa un papel preponderante, ocupando o segundo posto na listaxe de vertedoiros mineiros tras Andalucía, con 216.

A Comisión Europea colle o asunto de man

Aínda que a posición da Comisión Europea foi até o de agora valorar unicamente os datos estatais, polo que se negaba a facer seguimento do que acontecía nos territorios; as cousas están a cambiar e aumentan as exixencias ás Administracións públicas para remediar situacións como a da Galiza.