Alianza da Xunta con Abanca, Reganosa e Sogama coa vista posta nos fondos Next Generation

A entrada na sociedade limitada estará aberta a novos colaboradores. En concreto, esta dispón dun capital inicial de 5 millóns de euros dos que a maior parte é achegada pola Xunta (40%).

Núñez Feixoo, con representantes empresariais e do seu Goberno na presentación do Next Generation. (Foto: Europa Press)
photo_camera Núñez Feixoo, con representantes empresariais e do seu Goberno na presentación do Next Generation. (Foto: Europa Press)

Unha sociedade público-privada que foi constituída pola Xunta, Abanca, Reganosa e a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) impulsará proxectos tractores en Galiza.

A iniciativa, denominada Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galiza, potenciará proxectos empresariais centrados na dinamización, o progreso e a transformación da economía galega mediante un modelo verde e dixital, segundo detallou a Vicepresidencia Segunda do Goberno galego.

Deste modo, afirman que se aspira a incentivar a actividade produtiva  través da captación de investimentos, a incorporación de socios e unha colaboración público-privada que permita a posta en marcha e consolidación de propostas empresariais.

A nova sociedade buscará potenciar a implicación das pemes neste ámbito para que se convertan en beneficiarias de proxectos tractores que xeren actividade e cadeas de valor, ademais de prestar asesoramento que favoreza a presentación e desenvolvemento de novos proxectos.

A entrada na sociedade limitada estará aberta a novos colaboradores. En concreto, esta dispón dun capital inicial de 5 millóns de euros dos que a maior parte é achegada pola Xunta (40%), seguida por Abanca (38%), Reganosa (12%) e Sogama (10%).

Tras a súa constitución, esta sociedade centrarase en apoiar a "maduración" dos proxectos enmarcados na candidatura galega que opta aos fondos europeos Next Generation, que suma 354 iniciativas que aspiran a mobilizar case 20.000 millóns de euros, e a posterior procura de investidores para o seu desenvolvemento.

A Xunta mantén a opacidade dos proxectos Next Generation privados. Na documentación entregada aos grupos parlamentares e á que tivo acceso Nós Diario só figuran os títulos dos proxectos públicos que aspiran a fondos Next Generation. En toda a listaxe, non se atopa referencia algunha a ningún dos 107 proxectos privados por “confidencialidade".

Comentarios