Galiza chama por unha lei educativa propia

Representantes de pais e nais do alumnado esperan maior protección para a educación pública.
A inminente derrogación da Lomce, segundo o compromiso manifestado polo Goberno do Estado, abre as portas a unha educación máis descentralizada, inclusiva e universal.

En febreiro de 2019 o Goberno de Pedro Sánchez aprobou o proxecto de Lei de reforma da Lei Orgánica de Educación (LOE), unha modificación que derrogaría a Lei orgánica para a mellora da calidade educativa (Lomce) no momento da súa aprobación. O texto non se chegou a tramitar no Congreso polo anuncio da convocatoria anticipada de eleccións o 28 de abril.

Case un ano despois, o primeiro Executivo de coalición prevé levar nas próximas semanas ao Consello de Ministros esa mesma norma, co fin de executar un dos seus acordos de Goberno e abolir a lei de 2013, aprobada en solitario polo PP durante o mandato de Mariano Raxoi.

Nestes anos, coinciden sindicatos e representantes das Anpas, se algo se puxo en evidencia foi o amplo consenso social acadado para a revogación da Lomce. "Entendíamos que era algo urxente", explica a Nós Diario Suso Bermello. "Pero xa daquela, cando o PSOE comezou a tramitar o anteproxecto de lei de reforma, apuntamos que a modificación se quedaba curta".

Realidade nacional

O secretario xeral da CIG Ensino, o sindicato maioritario no sector, mantén que a derrogación da Lomce debería abrir un espazo de debate e acordo para a formulación dunha lei de mínimos que posibilite o desenvolvemento dunha lei educativa propia, dentro dese marco estatal acordado pola comunidade educativa.

"Debemos aspirar a unha verdadeira reforma educativa que contemple a realidade nacional e a diversidade de cada territorio".

Fernando Lacaci, presidente da Confederación de Anpas Galegas, concorda na necesidade de volver á etapa anterior á Lei Wert para afrontar con "calma e tempo" a actualización da LOE, de 2006, co fin de promover unha "verdadeira modificación educativa". Á espera de ver até onde chega a reforma que prevé executar nas próximas datas o Goberno estatal, Lacaci defende unha lei de educación que contemple a realidade nacional e a diversidade de cada territorio.

Pluralidade e laicidade

"Coa Lomce prendeu o discurso de que é mellor unha única lei para todo o Estado. Pois contra esa idea dun sistema igual para unha nena de Valencia e para outra da Galiza cómpre reforzar o concepto de igual de bo, cos mesmos dereitos, pero axustado en cada caso á realidade social dos educandos, ao contorno no que viven e no que medran".

"A materia de relixión deixará de ser obrigatoria e non computará para a nota media do alumnado".

Sobre os cambios específicos que introducirá a reforma lexislativa do novo Goberno, Bermello e Lacaci apuntan unha das mudanzas máis controvertidas. A materia de relixión deixará de ser obrigatoria e non computará para a nota media do alumnado. Un avance que supón devolverlle o seu status anterior, insuficiente, segundo a CIG. "A Relixión non pode estar dentro dos centros de educación públicos", salienta o secretario nacional, que urxe a denuncia do concordato coa Santa Sé, un convenio, di, "que aínda por riba é preconstitucional".

Neste sentido, Fernando Lacaci tamén se laia de que o novo texto non avogue, de inicio, por avanzar na educación laica. "Nin sequera ha de ser aconfesional. Ningunha relixión debe estar nas aulas, porque non é o seu sitio. Un profesor de Historia e un de Relixión teñen que estar en diferentes planos, porque non é o mesmo ensinar coñecementos que unha ideoloxía", afirma.

Educación concertada

Para Suso Bermello, outro dos aspectos fundamentais da reforma, que será coñecida como Lei orgánica de modificación da LOE (LomLOE), é o seu compromiso coa defensa da educación pública. O texto estabelece un veto á concertada ao eliminar o concepto de demanda social que permitía abrir un centro concertado onde non había oferta pública.

Coa aprobación da nova norma, non se poderá ampliar a rede de escolas concertadas en áreas onde non haxa centros públicos. "En 1985 o PSOE converteu en concerto educativo o que eran subvencións puntuais ao ensino privado. Deste maneira, blindou a estrutura das escolas católicas, que co paso do tempo viron reforzada a súa posición até a actual rede dupla de centros, en igualdade de condicións, cando a concertada debera estar só para absorber a demanda que a pública non é capaz de asumir".