16N, greve no ensino galego contra a Lomce e o “pacto de elites”

erguer ensino greve

Convocada por Erguer. Realizaranse referendos en 80 centros de ensino para pular pola necesidade dunha lei galega de educación.

A primeira greve e gran mobilización do curso escolar está en andamento. Será o vindeiro 16 de novembro, convocada por Erguer e contra a Lomce e o “pacto de elites” que queren maquillar esa lei. Ao longo de setembro, indicou a organización estudantil, realizáronse asembleas nas que se tomou o pulso ás demandas e necesidades. As principais reclamacións do estudantado, indican, son un maior número de horas lectivas en galego, especialmente na universidade, e unha forma de aprendizaxe máis práctica e pedagóxica no ensino medio. A cuestións como estas, desde Erguer engaden a “necesidade de que a Xunta de Galiza recupere as competencias en materia de educación que lle foron arrebatadas pola LOMCE, que como ben dixo o ex-ministro Wert era un medio para españolizar as estudantes”. 

 

No marco deste proceso participativo, indican desde Erguer, para a vindeira semana comezarán a realizarse referendos en por volta de 80 centros de ensino, unhas consultas nas que se presenta a necesidade dunha lei galega de educación como mellor ferramenta para superar Lomce e sucedáneos. O 16N será a greve, convocada en todos os niveis educativos. Haberá manifestacións nas sete cidades e tamén noutras localidades.

 

Iria Figueroa, de Erguer, advertiu de que os traballos no Congreso para lograr o chamado 'pacto educativo' representan un proceso "negociado de forma secreta" entre "forzas políticas españolas" e, "de novo, de costas á comunidade educativa".